SOS Sanidade considera unha oportunidade perdida para a Atención Primaria de Vigo a apertura do centro Olimpia Valencia

O novo centro farase pechando outros recursos asistenciais e cambiando de sitio o persoal profesional
Vigo - 22 Xul 2025

Representantes da plataforma SOS Sanidade Pública de Vigo valoraron “como unha oportunidade perdida para a reconstrución da Atención Primaria da área sanitaria” que a apertura do novo centro de saúde Olimpia Valencia se efectivice pechando outros recursos asistenciais e cambiando de sitio o persoal profesional. Así o avaliaron en rolda de prensa este martes representantes do colectivo que lle reclamaron á Xunta de Galiza un incremento do investimento para cubrir todas as necesidades asistenciais e xa avanzaron que continuarán coas accións para reclamar a reorganización “con criterio” dunha área sanitaria que atende a 600.000 usuarias/os.

“Abrir o Olimpia Valencia vai significar o traslado do centro de saúde de López Mora (xa planificado polas condicións do seu espazo), o traslado do centro de saúde de Nicolás Peña -co peche deste na súa localización actual-, e o traslado de parte de profesionais dos centros de saúde de Pintor Colmeiro, Coia, Rúa Cuba, Beiramar e Rosalía de Castro”, explicou Manuel G. Moreira, representante de SOS Sanidade Pública de Vigo e secretario nacional da CIG-Saúde.

Ensaio dun novo modelo de organización

Entre as e os profesionais que se trasladan ao novo centro está o persoal de Pediatría, tanto dos centros que pechan como os de Pintor Colmeiro e Coia. “Pretenden deixar estes dous últimos centros sen pediatría”, advertiu e concentrar a atención pediátrica nun só centro, “nun ensaio dun novo modelo organizativo que permite exclusivamente garantir a cobertura de ausencias entre profesionais do propio centro, o que garante a precariedade asistencial continua deste persoal”.

A plataforma criticou que este cambio de modelo non ten en conta as necesidades de continuidade asistencial da Atención Primaria, “que atende as necesidades sanitarias da poboación desde o inicio até o fin da vida con equipos multidisciplinares”. A apertura do novo centro nestas condición, rexeitaron, “non supón incrementar profesionais senón cambialos de sitio, perdendo a oportunidade de planificar unha reordenación da Atención Primaria dunha área de Vigo densamente poboada e con centros masificados e sen posibilidades de crecemento”.

Un aspecto importante que se salientou na comparecencia refírese a que a planificación para a apertura do novo centro Olimpia Valencia se realizou sen ter en conta a participación de profesionais e da cidadanía afectada, “cunha absoluta falta de transparencia e sen solicitar a opinión de sociedades científicas e profesionais, asociacións veciñais e outras entidade representativas. Só cando xa tiñan todo decidido, e diante da presión das organizacións sindicais, a Xerencia comunicoulle á representación legal das traballadoras e traballadores o contido do plan”.

A este respecto, o colectivo denunciou que unha vez máis, a Consellería de Sanidade “non atende ás necesidades asistenciais da Área Sanitaria de Vigo e practica a política de terra queimada coas estruturas sanitarias, como foi o caso do Policlínico Cíes, regalado a Ibermutua, do Centro de Especialidades de Coia, a Aspanaex e parte do C.E. da Dobrada a Afaga”.

Plan de investimento para a Área Sanitaria de Vigo

Fronte a isto, a Plataforma esixiulle á Consellería de Sanidade que desenvolva un plan de investimentos que permita recuperar os recursos asistenciais públicos previstos inicialmente no deseño e planificación da Área Sanitaria, no momento que se decidiu a construción do Novo Hospital de Vigo, no ano 2006.

“O cambio de modelo do Novo Hospital de Vigo supuxo a renuncia do Partido Popular a dotarnos dos recursos sanitarios públicos necesarios para atender ao 100% da cidadanía e condenou a unha parte desa cidadanía a ser atendida nun hospital privado, nas condicións estabelecidas pola empresa propietaria dese hospital”, aseveraron.  

Por estas razóns, a SOS Sanidade Vigo reclama:

  • A ampliación do Hospital Álvaro Cunqueiro, recuperando o plan funcional inicial do Novo Hospital de Vigo, con 1.265 camas para dar cobertura a toda a cidadanía da área de Vigo e recuperando a poboación de referencia que na actualidade ten Povisa como centro de referencia.
  • A reordenación asistencial da área urbana de Vigo, reivindicando un Centro de Alta Resolución (CAR) coas especialidades máis demandadas pola poboación no centro de Vigo, dado que a implantación do Álvaro Cunqueiro no extra radio da cidade provocou un distanciamento dos recursos hospitalarios da zona con maior densidade de poboación, e de esta maneira minimizar a sensación de perdida de accesibilidade da cidadanía.
  • Un “Plan de Mellora da Atención Primaria para a Área Sanitaria de Vigo”, consensuado con profesionais e sindicatos, que permita a reconstrución da Atención Primaria, con aumento da inversión, que parta dunha análise rigorosa da situación de recursos dos centros de saúde e adecualos ás necesidade poboacionais segundo os ratios de persoal que recomenda a OMS, para reducir as demoras existente na asistencia, que hoxe oscilan entre 10 e 15 días para unha primeira cita, así como para reforzar os Puntos de Atención Continuada (PAC).

Para facer todo isto posíbel, a Plataforma reclama o incremento do investimento en sanidade pública na Área Sanitaria de Vigo nos próximos orzamentos da Xunta de Galiza.