SOS exixe a Sanidade que as conclusións dos grupos de traballo da Comisión Técnica de Primaria sexan vinculantes
Todos os colectivos que conforman a plataforma SOS Sanidade Pública compareceron esta mañá en rolda de prensa para exixir ao SERGAS que a Comisión Técnica de Atención Primaria sexa deliberativa e resolutiva e non simplemente informativa; que se escoite a opinión dos colectivos profesionais que desenvolven a súa actividade neste ámbito; que se acepten as alegación presentadas á proposta unilateral da administración e que as conclusións das comisións de traballo sexan vinculantes. Deron 3 meses para as conclusións dos grupos de traballo e adiantaron que se isto non se cumpren, valorarán mobilizacións.
No mesmo sentido a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, advertiu que, de non atender estas propostas, “entenderemos que o SERGAS non tiña realmente intención de mudar o modelo de Atención Primaria e andou unicamente a enredar”.
Abuín denunciou que na xuntanza do Consello Técnico de Atención Primaria celebrada este xoves, a consellaría presentou unha serie de medidas a desenvolver a curto prazo que eran, algunhas delas, “moi agardadas, porque nunca deberon desaparecer, pero que, tal e como as presentou a administración, non van solucionar o problema”. Medidas ás que se presentaron alegacións que “non se tiveron, ningunha delas, en conta”.
Por iso, desde SOS Sanidade Pública acusaron á consellaría de tomar decisións, de forma unilateral, sen ter en conta as demandas dos diferentes colectivos profesionais de Atención Primaria, que son quen saben cal é a problemática. “Non poden vir cun documento pechado a dicir que isto é o que hai, cando ese non era o obxectivo da constitución do Consello Técnico”, denunciou Abuín, quen lembrou que este organismo “non é só informativo, senón para deliberar, adoptar acordos e facer propostas, para mudar o modelo de atención primaria e recuperar toda a súa capacidade resolutiva. De nada vale se non nos permite incidir sobre as medidas das que nos informan”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde defendeu a necesidade de que nese Consello Técnico participen todos os colectivos profesionais que traballan na atención primaria para que “cada un, dentro das súas competencias, poida achegar as súas propostas”. Para iso considerou necesario que se definan os mapas de competencias de cada grupo profesional de forma que se funcione realmente como un equipo para que non se centralice unicamente na consulta médica, coa conseguinte sobrecarga dese colectivo.
Medidas propostas
Entre as medidas das que informou a consellaría, María Xosé Abuín sinalou a relativa á estabilidade laboral. A este respecto denunciou que “din que queren incidir sobre isto, pero se non eliminan a precariedade laboral, facendo contratos por días ou por horas, e non substitúen a xornada completa ou a ausencia completa do persoal, imos seguir tendo un alto índice de precariedade laboral cun malestar importante dentro do persoal contratado”.
Explicou ademais que se non se cobren as ausencias de todas as categorías, “non é porque non haxa persoas nas listas de contratación, senón por unha política de recortes e de aforro”. Por iso considerou que non se vai solucionar ningún destes problemas, mais cando as decisións de cobertura se toman desde o ámbito hospitalario e se prioriza a cobertura hospitalaria fronte á de atención primaria.
Nese sentido subliñou que hai colectivos -como pode ser o de persoal de enfermería ou o do Persoal de Servizos Xerais- para os que non se cobren as ausencias cando son especialmente importantes en épocas como o verán ou de especial afluencia no Camiño de Santiago.
Garantir poder de negociación
Xa que logo, para SOS Sanidade Pública ese Consello Técnico ten que ter poder de negociación e capacidade para incidir nas propostas que se lles presenten desde a administración. Do contrario, advertiron, continuará o conflito en Atención Primaria.
Nesa mesma liña, demandaron que as conclusións ás que cheguen as Comisións de Traballo sexan aceptadas pola administración e se traduzan en feitos concretos. “Cada un vai definir a súa carteira de servizos e iso vai conlevar un incremento do cadro de persoal de determinados colectivos que agora teñen unha presenza moi reducida na atención primaria: matronas, fisioterapeutas, enfermería… Porén, se as conclusións destes grupos de traballo non son vinculantes para a administración e non se traducen en feitos concretos, coa necesaria dotación orzamentaria o que se vai poñer de manifesto é que a administración non tiña ningún interese en que isto se solucionara”.
Abuín referiuse, en concreto, a dúas cuestións que considerou preocupantes: unha, que nas medidas a curto prazo a administración siga insistindo en crear a figura do Xerente de atención primaria, un órgano unipersoal que considerou que non vai dar resposta aos problemas asistenciais. A este respecto sinalou que onte, no debate que se deu no Consello, conseguiuse derivar esta cuestión a unha das comisións para a súa valoración.
Outra das cuestións é a referida ao orzamento porque, segundo explicou, desde a consellaría anunciouse que se vai incluír, nos orzamentos de 2020, unha partida de Primaria diferenciada, pero “non nos explicaron se ese orzamento vai especificar as partidas destinadas a dar cobertura a todas as necesidades de atención primaria: dotación, equipamentos e o máis importante, recursos humanos”.
Así as cousas, os colectivos que conforman SOS Sanidade Pública acordaron, de momento, agardar e seguir exixindo que esas medidas a curto prazo recollan as alegacións presentadas; que se remitan o luns os grupos de traballo para que se propoñan as persoas que van formar parte dos mesmos, de forma que sexan operativos e nun prazo máximo de tres meses presenten conclusións que sexan vinculantes e se transformen en medidas reais.