Son traballadoras as empregadas do fogar?
Ante esta falta de compromiso coa dignificación dos traballos de coidados, cómpre seguirmos reivindicando a equiparación de dereitos laborais e protección social: a consecución do dereito á prestación por desemprego desde xa, cotizacións por salarios reais, iguais condicións para o cálculo das pensións e o recoñecemento pleno no Estatuto dos traballadores e traballadoras coa integración completa no réxime xeral da Seguridade Social
O 24 de febreiro deste ano, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea emite sentenza favorábel a una traballadora do fogar galega que reclamaba o dereito á prestación por desemprego. A sentenza do TXUE considera inxustificada a negativa do dereito de prestación por desemprego ás traballadoras do fogar, único colectivo profesional sen este dereito, e valora que esta desprotección da lexislación española con este colectivo constitúe unha discriminación indirecta por razón de sexo, ao se tratar dun traballo desempeñado case exclusivamente por mulleres.
Esta sentenza, que pon en cuestión o tratamento especial da normativa canto a dereitos laborais destas traballadoras, vén coincidir coa ratificación no Congreso español do convenio 189 da OIT sobre o traballo doméstico. Ratificación tardía se temos en conta que o Convenio 189 existe desde 2011.
O 8 de setembro publícase no BOE o Real Decreto Lei "para a mellora das condicións de traballo e de Seguridade Social para persoas traballadoras como empregadas do fogar" e, a pesar dos antecedentes da sentenza do TXUE e da ratificación do Convenio da OIT, non contempla a igualdade de dereitos laborais deste colectivo. As traballadoras do fogar e de coidados seguen no Réxime Especial da Seguridade Social e, en consecuencia, non teñen os mesmos dereitos que o resto de traballadoras e traballadores que pertence ao Réxime Xeral.
Recoñécese neste RD o dereito á prestación por desemprego, mais só comezará a xerarse a partir de outubro deste ano. Non contempla a necesaria retroactividade para dar cobertura ás mulleres que están neste momento en activo con tempo suficiente de alta na Seguridade Social. Por tanto, non é conforme á sentenza do tribunal europeo, que ditamina o cumprimento efectivo do dereito neste momento.
Canto ao dereito á seguridade e saúde no traballo, postérgase a elaboración dun cadro de enfermidades profesionais, e fica nunha mera declaración de intencións a abordaxe desta problemática. Ademais, seguirase mantendo a discriminación destas traballadoras en caso de incapacidade permanente, pois até dentro de 5 anos permanecerán desprotexidas.
Obrígase a formalizar contrato e aboar as correspondentes cotizacións, mesmo no caso de que o tempo de traballo mensual sexa inferior ás 60 horas. Porén, séguese mantendo a facilidade para o despedimento ao se contemplar entre os motivos a "perda de confianza" e porque continuará sendo barato, ao se manter a indemnización de 12 días por ano fronte aos 20 do resto das persoas traballadoras.
Outra cuestión importante non contemplada é a situación das traballadoras internas, as que sofren unhas condicións de vulnerabilidade maior. Do mesmo xeito, mentres continúe sen atenderse por parte do goberno a regularización das migrantes, unha parte moi numerosa de traballadoras do fogar seguirá imposibilitada para normalizar a súa situación laboral. Téñase en conta que en Galiza aproximadamente a cuarta parte do colectivo son migrantes, dun total de arredor de 35.000 –unha cifra imprecisa de termos en conta o traballo en negro–.
Reparemos en que para esta normativa o goberno optou pola vía do decreto, de xeito que se evitou o debate político propio da tramitación dunha lei e obviouse a participación das asociacións de traballadoras do fogar e sindicatos. Ante esta falta de compromiso coa dignificación dos traballos de coidados, cómpre seguirmos reivindicando a equiparación de dereitos laborais e protección social: a consecución do dereito á prestación por desemprego desde xa, cotizacións por salarios reais, iguais condicións para o cálculo das pensións e o recoñecemento pleno no Estatuto dos traballadores e traballadoras coa integración completa no réxime xeral da Seguridade Social.
Queremos insistir en que é inadmisíbel que os traballos desempeñados por mulleres maioritariamente non teñan aínda igual recoñecemento en salarios e dereitos. A necesidade universal dos coidados debe ser prioritaria nas políticas sociais.
[Artigo tirado do sitio web de Nós Diario, do 21 do outubro de 2022]