Solidarízanse coa loita das traballadoras da limpeza da Xunta na súa denuncia por discriminación salarial
As traballadoras da limpeza da Xunta de Galiza, privatizada e actualmente xestionada pola empresa Grupo Norte, levan desde o pasado 24 de maio na rúa reclamando a fin da clasificación profesional sexista e da discriminación salarial por razóns de xénero.
As mulleres representan o 90 por cento do persoal e, pese iso, ningunha ten a categoría de peón/peoa especialista. O resto que si dispoñen desa categoría, co seu respectivo incremento salarial, son homes. A esta situación, engádeselle unha sobrecarga laboral extrema debido á ausencia de cobertura das baixas laborais ou as vacacións. A principal consecuencia desta sobrecarga atópase na propia saúde das traballadoras que se deteriora co paso do tempo desenvolvendo tendinite, sobrecargas musculares, etc.
Ante esta situación, as secretarías de mulleres dos sindicatos CIG, CUT unímonos para condenar frontal e inexcusablemente a discriminación machista que están a sufrir estas traballadoras e esiximos a súa fin facendo que todas as traballadoras cunha antigüidade mínima de seis anos pasen inmediatamente á categoría de peón/peoa especialista de xeito automático.
Entendemos que non facelo así significaría seguir agrandando a fenda salarial por razón de xénero, xa que neste caso o feito discriminatorio non se reduce exclusivamente á simple promoción de categorías, senón ao propio sistema e requisitos que se lle esixe a un e a outro xénero para ascender de categoría.
Non sería entendible que agora se pretendese limitar o número de traballadoras que puidesen acceder á categoría de peón/peoa especialista cando isto nunca ocorreu co persoal masculino, o contrario significaría seguir a manter e soster indefinidamente a situación de discriminación e, polo tanto, a fenda salarial. Unha discriminación que acontece coa percepción dos diferentes Pluses.
Denunciamos a pasividade do goberno galego incapaz de adoptar até o momento ningunha medida para rematar con esta discriminación.
Abonda de precariedade e privatización dos servizos públicos!
Abonda de machismo laboral!
Cos nosos dereitos, non se xoga!
Compostela, 22 de outubro de 2018
Asinado,
Ana Viqueira Margarida Corral Sánchez
Secretaria das Mulleres da CUT Secretaria Confederal das Mulleres da CIG