Solidariedade sindical co xornalista Pablo González detido inxustamente en Polonia
A CIG, xunto con outras organizacións sindicais, manifesta a súa solidariedade co xornalista Pablo González, detido inxustamente o pasado mes de febreiro en Polonia, e demanda a súa inmediata liberación. A tal fin, as centrais sindicais veñen de emitir a seguinte declaración conxunta::
O xornalista vasco Pablo González foi detido o pasado 28 de febreiro en Polonia mentres cubría os efectos da invasión rusa en Ucraína, baixo a acusación de realizar actividades para a intelixencia militar rusa, polo que podería enfrontar até dez anos de cárcere.
O pasado 23 de agosto, o Tribunal de Apelación de Rzeszów rexeitou a demanda presentada polo avogado de Pablo González en Polonia contra a decisión de prorrogar a detención do xornalista vasco durante tres meses máis.
A día de hoxe, permanece incomunicado na práctica. A súa familia solicitou autorización para visitalo no cárcere, pero até o momento non recibiu ningunha resposta oficial e tampouco se lle permitiu contacto telefónico durante estes seis meses. Dende a súa detención, Pablo González tan só recibiu cinco cartas da súa familia e todas elas con moito atraso. Até agora só puido contactar co seu avogado e co cónsul do Estado español.
Os sindicatos que asinamos este escrito, tal e como manifestaron a Federación Internacional e a Federación Europea de Xornalistas e o Instituto Internacional de Prensa, estamos fondamente preocupados coa situación do xornalista Pablo González; unha situación profundamente antidemocrática e inxusta, que se volve máis crítica cada día que pasa.
E por todo isto que os sindicatos asinantes instamos as autoridades polacas a liberar sen máis demora e sen cargos a Pablo González. Parécenos inaceptábel que un Estado deteña un xornalista dunha maneira tan arbitraria e sen proba algunha. É un ataque á liberdade de prensa e á democracia e polo tanto instamos tanto o Estado español como a Unión Europea a que fagan todo que estea nas súas mans para rematar dunha vez por todas con esta inxustiza.
7 de setembro de 2022
Lista de organizacións sindicais asinantes: Alternativa Sindical de Clase ASC; Central Unitaria de Traballadoras CUT Galiza; Colectivo Unitario de Trabajadores CUT Aragón; Comisiones Obreras, CCOO; Confederación Intersindical; Confederación Intersindical Galega (CIG) Galiza; Confederación Nacional del Trabajo CNT; Confederación Sindical Solidaridad Obrera; Coordinadora Obrera Sindical COS Països Catalans; Corrientes Sindical de Izquierda, CSI Asturies; ELA Sindikatua, Euskal Herria; ESK Sindikatua, Euskal Herria; Intersindical Alternativa de Catalunya, IAC; Intersindical Canaria; Intersindical Catalana; Intersindical Valenciana; LAB Sindikatua Euskal, Herria; Organización Sindical de Trabajadores de Aragón OSTA; Plataforma Sindicat EMT; Unión General de Trabajadores UGT; Sindicato 25 De Marzo de Extremadura; Sindicato Andaluz de Trabajadores SAT Andalucía; Sindicato Asambleario de la Sanidad SAS; Sindicato CO.BAS; STEI Balears; STEILAS, Euskal Herria.