Solidariedade con Pintos na segunda xornada dun xuízo no que se pretende converter a vítima en verdugo
Delegadas e delegados da CIG continuaron este mércores as concentracións solidarias e para denunciar a represión sindical, con motivo do xuízo ao que se enfronta o compañeiro Xesús Anxo López Pintos pola súa participación nunha mobilización do persoal do naval e da xa pechada Poligal, no ano 2012.
Nesta xornada declararon tres das testemuñas propostas pola defensa, entre as que está o secretario da CIG de Ferrol, Manuel Grandal Anca, que naquel momento compartía a secretaría comarcal con Pintos. Xunto a Grandal, Ana Vérez e Xosé Lois Rivera foron quen primeiro chegaron á comisaría tras a detención de Pintos para interesarse pola súa situación e alí foron recibidos con cadanseu golpe e con indicacións de que marcharan para casa.
Tal e como hoxe lembraron durante a súa comparecencia, na que subliñaron que Pintos permaneceu detido e incomunicado na comisaría (onde foi maltratado e vexado) dende a madrugada da noite do día 5 de outubro até pasadas as dez da mañá dese día, e só puido falar co seu avogado ao acudir a declarar no xulgado.
As testemuñas da CIG relataron o acontecido aquela noite: como a protesta convocada polo comité de Navantia e de Poligal en demanda de carga de traballo e por unhas condicións laborais dignas se desenvolveu de maneira pacífica diante do Hotel Almirante, onde o PP realizaba o acto de inicio de campaña ás autonómicas de 2012; como as persoas asistentes ao acto puideron saír sen problema pola porta principal e só varios cargos do PP decidiron saír pola porta de atrás. Foi entón cando se produciron as cargas policiais desproporcionadas, nas que a policía foi directamente a polo compañeiro Pintos, a quen lle propinaron varios golpes e a quen ameazaron con romperlle a cabeza se non se daba a volta mentres o tiñan tirado no chan.
Alta conflitividade social en resposta á crise e aos recortes
A protesta tivo lugar nun clima de alta conflitividade na comarca, azoutada pola grave crise do naval, o peche e desmantelamento dos seus sectores produtivos, a perda insostíbel de emprego, un alarmante incremento da pobreza, e as brutais consecuencias da aplicación das reformas antiobreiras do PP. Unha crise social e laboral que segue a agravarse e que xa levou ás organizacións sindicais a convocar unha manifestación o vindeiro 28 de novembro para esixir políticas de reindustrialización en Ferrol-Eume-Ortegal.
Mais tamén a aquela altura o Partido Popular, facendo valer a súa maioría absoluta, buscaba reprimir a contestación social a todo este paquete de políticas neoliberais perfectamente deseñadas, mediante o endurecemento do Código Penal e a imposición da coñecida como "Lei Mordaza".
Precisamente, neste segunda sesión acudiron a declarar os responsábeis do PP, Diego Calvo, Miguel Tellado, Xosé Manuel Rey Varela e Hipólito Fariña, propostos como testemuñas tanto pola Fiscalía como pola acusación particular -exercida por un axente de policía-. Hai que lembrar que no seu momento o PP tamén presentou unha denuncia contra Pintos polo sucedido aquel día, mais finalmente acordou retirala.
O xuízo queda visto para sentenza o mércores
Mañá mércores celebrarase a última sesión do xuízo, que quedará visto para sentenza. Con tal motivo, a CIG realizará unha nova concentración de delegadas e delegados diante da Audiencia, entre ás 09:30 e ás 11:00 horas, en contra da criminalización da mobilización social e en apoio ao compañeiro Pintos.