Solidariedade con Palestina reclama a fin do xenocidio no día que se conmemora a Nakba
A Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina realizou este mércores un acto simbólico coincidindo co aniversario da Nakba (a catástrofe) do pobo palestino, que en 1948 supuxo a expulsión de centos de millares de persoas das súas casas, a ocupación das súas terras por parte do nacente Estado de Israel e a instauración dun réxime de apartheid que ten sido condenado innumerábeis veces por organismos internacionais.
A conmemoración da Nakba ten este ano un carácter especialmente importante debido á situación de xenocidio que Israel está a impor sobre a poboación civil palestina na Faixa de Gaza desde outubro de 2023, e que deixou xa máis de 35 mil vítimas mortais (sen contar as persoas desaparecidas), das cales máis de 17 mil son crianzas.
Durante o acto decorrido na Praza de Praterías, organizacións que fan parte da Coordinadora (Asociación Galaico Árabe Jenín, Galiza Por Palestina e Mar de Lumes Comité Galego de Solidariedade Internacionalista) deron lectura a un manifesto no que se alertou que o pobo palestino está sendo vítima dunha segunda Nakba coa pasividade e complicidade dos Gobernos do denominado 'Occidente democrático'.
O nivel de violencia empregado por Israel en Gaza, subliñouse no manifesto lido por Iolanda Muíños e Mabel Rivera, non ten comparación coas agresións anteriores e nestes sete meses a Faixa sufriu un proceso de destrución nunca antes visto, con miles de persoas mortas e feridas, o desprazamento forzoso de 1,4 millóns de persoas, a destrución das infraestruturas vitais como os hospitais, e sen posibilidade de acceso a un subministro de axuda humanitaria regular polos constates cortes de Israel, que utiliza a fame e a sede como arma de guerra. As agresións tamén se teñen estendido en forma de asasinatos e secuestros na Cisxordania, en Xerusalén Leste e en todos os Territorios Ocupados.
Por iso, con este acto quíxose denunciar que o Goberno sionista de Israel está levando adiante unha limpeza étnica ante a indiferenza da comunidade internacional e mesmo a persecución por parte dalgúns Estados das persoas e colectivos que se mobilizan en solidariedade co pobo palestino e para reclamar o cese inmediato deste xenocidio. "Condenamos a pasividade e a noxenta complicidade de quen nos goberna, desde a Xunta de Galiza até o Goberno español e a Unión Europea", reiteraron.
Unha declaración con medidas "puramente humanitarias"
A este respecto, as organizacións de solidariedade informaron que están a promover reunións coas forzas políticas do Parlamento Galego para lles propor unha Declaración Institucional que, como a de 2014, recoñeza os dereitos do pobo palestino e condene sen paliativos o xenocidio en marcha. Una proposta "perfectamente asumíbel por calquera grupo político", xa que se limita a recoller medidas viábeis e susceptíbeis de seren aprobadas dunha perspectiva puramente humanitaria, como a abertura dos pasos fronteirizos para a entrada de axuda de primeira necesidade ou a fin dos bombardeamentos indiscriminados.
Porén, lamentan que só o BNG se amosara receptivo e anunciara o seu apoio á proposta, mentres que o PP declinou apoiala -malia recoñecer a situación de excepcionalidade e o pobo palestino como suxeito de dereito internacional-; o PSdeG aínda non deu resposta concreta; e DO recusou sequera manter unha reunión ao non ver necesidade de que a cámara galega se pronuncie sobre este asunto.
Diante deste panorama, e neste día da Nakba, 15 de maio de 2024, a Coordinadora lanzou un chamado a continuar na mobilización e a participar nalgunha das 30 concentracións convocadas para o vindeiro luns, 20 de maio, en cidades e vilas de toda Galiza.
E instaron as organizacións políticas, sindicais e sociais e ao conxunto da sociedade galega "a que unan as súas voces e accións pola paz e a liberdade na Palestina e que presionen as diferentes instancias que nos gobernan para que asuman dunha vez para sempre o dereito dos pobos á libre determinación e, en consecuencia, poñan en marcha accións concretas de presión a Israel para deter a matanza e recoñezan de xeito inmediato o Estado palestino do río ao mar".
Manifesto da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina
O 15 de maio conmemoramos a Nakba palestina: o desastre, a limpeza étnica provocada pola creación do estado de Israel en 1948, concretando así o soño supremacista do sionismo coa expulsión de centos de milleiros de palestinas e palestinos dos seus fogares e das súas terras e coa desmembración da Palestina.
Este ano, estamos diante do que moitas consideran a Segunda Nakba. O nivel de violencia empregado polo estado sionista desde o 7 de outubro de 2023 non ten comparación coas anteriores agresións rexistradas en Gaza (2006, 2008, 2012, 2014 e 2021). Nestes sete meses, a Faixa sofre un proceso de destrución nunca antes visto, con máis de 35.000 persoas asasinadas, das cales máis de 17.000 son crianzas. Os bombardeamentos e as accións militares deixan tamén, a esta hora, máis de 75.000 feridas e 1,4 millóns de desprazadas ao sur da Faixa, que agora Israel ameaza con arrasar e na que hai meses que mantén cortada a entrada de axuda humanitaria intermitentemente.
O uso da fame e da sede como armas de guerra e a destrución case completa das infraestruturas básicas para a vida — especialmente as sanitarias — son o resultado da impunidade coa que se conduce o terror sionista. Unha impunidade que é garantida polas potencias colonialistas e imperialistas da Unión Europea e os Estados Unidos, que se estende tamén aos ataques sionistas contra outros países da rexión, do Líbano a Irán, do Iemen a Siria, e que, dentro da Palestina, non se limita a Gaza, senón que se expande en forma de asasinatos e secuestros na Cisxordania, en Xerusalén Leste e en todos os Territorios Ocupados.
O actual Goberno de Israel, o máis supremacista e colonialista na historia do Estado sionista, está a perpetrar manobras de desprazamento forzoso da poboación de zonas estratéxicas de Gaza nunha obvia operación de limpeza étnica. Todo isto ante unha comunidade internacional indiferente que como moito expresa a súa “fonda preocupación” polos crimes de Israel sen aplicar sancións nin exixir o fin da violencia. As organizacións da solidariedade condenamos a pasividade e a noxenta complicidade de quen nos goberna, desde a Xunta de Galiza até o Goberno español e a Unión Europea.
Desde hai meses, o pobo galego, lonxe de ficar calado, mantén iniciativa propia denunciando estes crimes e exixindo o fin do xenocidio, con máis de 350 convocatorias de mobilizacións por todo o país feitas pola Coordinadora Galega de Solidariedade coa Palestina e complementadas por ducias doutras actividades que veñen ampliando a resposta antisionista aos máis diversos ámbitos. Celebramos e mostramos especial emoción ante a mobilización da mocidade no mundo. O estudantado universitario que acampa tamén nas universidades galegas reivindica o pensamento crítico, a liberdade de expresión e a liberdade de reunión. Dereitos que son a base da participación cívica que os gobernos deben respectar, facilitar e protexer, mais que están a ser atacados en moitos países autoproclamados democráticos.
Non podemos permitir que o noso país enverede polo camiño de restricións e persecución da solidariedade que vemos en países da nosa contorna inmediata, e por iso as organizacións de solidariedade estamos a promover reunións coas forzas políticas do Parlamento Galego para lles propor unha Declaración Institucional que, como a de 2014, recoñeza os dereitos do pobo palestino e condene sen paliativos o xenocidio en marcha.
A este respecto, queremos salientar que a proposta que presentamos é perfectamente asumíbel por calquera grupo político: non recolle as nosas metas, senón que se limita a medidas viábeis e susceptíbeis de seren aprobadas dunha perspectiva puramente humanitaria, como a abertura dos pasos fronteirizos para a entrada de axuda de primeira necesidade ou o fin dos bombardeamentos indiscriminados.
Lembramos tamén que a declaración aprobada no seu día reivindicaba aspectos que hoxe continúan en vigor, como o dereito ao retorno das persoas refuxiadas e o fin das políticas de apartheid, pero que claramente son agora secundarias diante da urxencia que impón o xenocidio en marcha. Mesmo así, unicamente o Bloque Nacionalista Galego se mostrou receptivo e anunciou o seu apoio á proposta. O Partido Popular declinou apoiala malia recoñecer a situación de excepcionalidade e ao pobo palestino como suxeito de dereito internacional. O Partido Socialista aínda non deu unha resposta concreta, e Democracia Ourensana recusou a reunión avanzando que non ve a necesidade de que o Parlamento Galego se pronuncie sobre esta cuestión.
Diante deste panorama, neste día da Nakba, 15 de maio de 2024, facemos un chamado ás organizacións políticas e sindicais, organizacións culturais e veciñais, movementos sociais polas liberdades; en definitiva, á sociedade civil galega, a que unan as súas voces e accións pola paz e a liberdade na Palestina e que presionen as diferentes instancias que nos gobernan para que asuman dunha vez para sempre o dereito dos pobos á libre determinación e, en consecuencia, poñan en marcha accións concretas de presión a Israel para deter a matanza e recoñezan de xeito inmediato o Estado palestino do río ao mar. Para continuarmos nesa dirección, as mobilizacións nas rúas continuarán, este luns 20 de maio, con 30 novas convocatorias en cidades e vilas de toda Galiza.
Do río ao mar, Palestina Vencerá!
Galiza con Palestina!