Sobreexplotación e dependencia
Do mesmo xeito que Gramsci é un contributo teórico esencial para analizar as sociedades occidentais actuais, especialmente no referente ao concepto de hexemonía, a Teoría da Dependencia é unha ferramenta imprescindíbel para entendermos en toda a súa amplitude as consecuencias da colonización e o neocolonialismo
A Teoría da Dependencia é moi axeitada para analizar a realidade económica e social da nación galega. Aínda que a Dialéctica da Dependencia de Rui Mauro Marini se publicou en 1973 en México, con antelación a Unión do Povo Galego chegou a unha interpretación semellante, utilizando textos de Castelao, Marx, Engels, Lenin, Mao, Fanon, Memmi, Baran, etc., analizando a situación do país e a súa historia cun criterio crítico. A contribución teórica de Marini, e outros autores/as desta corrente do marxismo (como Gunder Frank e Samir Amin), foi decisiva tanto para afondar na análise da dependencia e para potenciar as alternativas ao imperialismo capitalista.
Afirma Marini en Dialéctica da Dependencia que: “O problema que coloca o intercambio desigual para América Latina non é precisamente o de contrarrestar a transferencia de valor que implica, senón máis ben o de compensar unha perda de plusvalía, e que, incapaz de impedila a nivel das relacións de mercado, a economía dependente reaxe compensándoa no plano da produción interna. O aumento da intensidade do traballo aparece, nesta perspectiva, como un medre de plusvalía, conseguido a través dunha maior explotación do traballador/a e non do incremento da capacidade produtiva. O mesmo se pode dicir do alongamento da xornada de traballo, é dicir, do medre da plusvalía absoluta na súa forma clásica (...). Cómpre sinalar, finalmente, un terceiro procedemento, que consiste en reducir o consumo do obreiro para alén do límite normal (...) implicando así un modo específico de aumentar o tempo de traballo excedente”. E polo tanto reducindo o necesario para satisfacer as condicións mínimas de ingresos, ampliando a taxa de lucro.
Coido, e así o teño afirmado en anteriores artigos, que do mesmo xeito que Gramsci é un contributo teórico esencial para analizar as sociedades occidentais actuais, especialmente no referente ao concepto de hexemonía, a Teoría da Dependencia é unha ferramenta imprescindíbel para entendermos en toda a súa amplitude as consecuencias da colonización e o neocolonialismo. Unha caracterización que non só abrangue os pobos da periferia máis extrema senón aqueles cuxos procesos de colonización son moi anteriores e forman hoxe parte do que algúns analistas chaman periferia interior da potencia colonizadora (tal o caso de Galiza). Daquela que, mesmo en contextos como o noso, nos que o 80% da poboación activa é asalariada, aínda habendo un sector que o sistema caracteriza como “clase media”, a sobr-explotación segue a ser determinante tanto no aspecto cualitativo como cuantitativo, dado que o país xoga un rol subordinado na cadea de valor.
Esta sobreexplotación concrétase en: baixos salarios, xornadas máis longas e ritmos de traballo intensivos (as horas extras non pagadas), ao que hai que sumar aquelas persoas que carecen de emprego ou son forzadas a emigrar (en boa medida a mocidade máis preparada), e ofrecendo unha taxa de desemprego menor claramente artificial. Un cadro laboral que é consecuencia do intercambio desigual, da imposición dun papel subordinado na produción de bens e servizos, do control foráneo das empresas máis dinámicas, e da enorme exportación de capital en comparación co PIB da nación galega, o que frea o desenvolvemento e a creación de emprego, facendo que de pouco sirva que o saldo comercial exterior sexa positivo. Trátase dun marco socioeconómico que confirma a interdependencia entre clase social e cuestión nacional; ou sexa, onde a sobreexplotación está directamente ligada á opresión, e que non se supera cunha autonomía con algunhas competencias formais, esixe a conquista de soberanía.
[Galiza, 20 de decembro de 2022]
https://obloguedemera.wordpress.com/