Sobre a situación económica

Antoni Soy Casals - 31 Mar 2023

Agora os gobernos e os principais bancos centrais teiman en subir os tipos de xuros para loitar contra a inflación, sabendo que isto levará a unha recesión económica. O que se pretende é crear unha contorna económica e política que leve os traballadores a aceptaren rebaixas salariais e de dereitos laborais

 Actualmente, en moitos países os prezos, sobre todo dos produtos esenciais, son demasiado elevados, mentres que os salarios, as pensións ou as axudas sociais son demasiados baixos. A alta inflación permite grandes beneficios ás grandes empresas que dominan a produción e a distribución, que tamén produce unha diminución en termos reais nos salarios (e outras rendas aos traballadores). Esta situación de elevada inflación, beneficios crecentes e diminución dos salarios reais ten como causa de fondo a progresiva debilidade da economía produtiva dos países, que se manifesta nunha diminución continuada do investimento en actividades produtivas e nun crecemento moi baixo da produtividade, que xa hai moitos anos que duran. As relacións de propiedade e de poder –sobre todo o aumento do poder económico e político das grandes empresas– na economía crearon esta situación porque a produción se enfocou cara ás formas máis depredadoras e especulativas para facer beneficios: os sectores financeiro, inmobiliario...

 Os últimos corenta anos promoveuse a liberación das forzas do mercado: privatización e venda de activos públicos como nunca, desindustrialización, unha case total desregulación dos movementos de capital e as actividades financeiras. E unha lexislación que empeorou os salarios e as condicións do mercado de traballo. As consecuencias son unhas debilidades emerxentes a longo prazo dunha grande importancia: precariedade e descualificación dos traballadores; niveis baixos de investimento produtivo; débil crecemento da produtividade; déficits exteriores por conta corrente; baixos gastos en infraestruturas e servizos públicos básicos; crecentes desigualdades entre persoas e entre territorios; dominio das institucións financeiras sobre a vida das familias e as pequenas empresas; agravación da crise climática e enerxética.

 A pandemia foi un choque dramático para a economía mundial, do cal aínda non se recuperou. Tanto a oferta agregada de bens e servizos como a demanda agregada quedaron colapsadas, dando lugar a unha das peores recesións da historia. E estaría peor sen a axuda dos gobernos a empresas e familias, o que permitiu un certo apoio á demanda agregada.

 En troca, a oferta agregada mantívose moi débil en moitos países que xa había anos que tiñan un investimento produtivo demasiado baixo e un crecemento da produtividade moi débil. A diferenza na conduta da demanda e a oferta deu lugar a tensións inflacionistas en moitos bens e servizos, que tiveron a súa causa última, non na pandemia, senón en non ter unha oferta agregada suficiente. Despois, a guerra de Ucraína e as sancións en Rusia afectan os prezos á alza nos países que teñen que importar produtos enerxéticos ou alimentarios porque necesitan máis dos que teñen ou producen. Outra vez problemas na oferta agregada destes países.

 Tanto a pandemia como a guerra de Ucraína aceleraron a inflación, pero esta mantense elevada por unha razón de fondo, estrutural: a debilidade da capacidade produtiva que fai que a oferta agregada sexa insuficiente. Agora os gobernos e os principais bancos centrais teiman en subir os tipos de xuros para loitar contra a inflación, sabendo que isto levará a unha recesión económica. O que se pretende é crear unha contorna económica e política que leve os traballadores a aceptaren rebaixas salariais e de dereitos laborais. Mais é unha falsa solución, xa que os países que teñen unha débil oferta agregada verán que se agrava coa recesión, mentres que a inflación continuará porque os prezos dos produtos que haberá que importar non baixarán.  Pode haber recesión e unha inflación que continuaría alta (estanflación).

 Nun libriño magnífico (The Cost of Living Crise: (and how ton get out of it)), Costas Lapavitsas e dous autores máis propoñen como loitar de verdade contra a inflación: os salarios teñen que crecer polo menos como a taxa de inflación; para controlar a inflación inmediatamente haberá que restrinxir os beneficios das grandes empresas (control de prezos, fiscalidade); abordar de forma audaz a constante debilidade da oferta agregada (política industrial para a reindustrialización, propiedade pública de sectores estratéxicos).

 

[Artigo tirado sitio web catalán El Punt Avui, do 30 de marzo de 2023]