Sobe de novo o paro rexistrado e cae cinco veces máis, aínda, a afiliación á Seguridade Social
Un total de 3.327 persoas afiliadas menos á Seguridade Social e 625 persoas máis rexistradas como desempregadas no SEPE, é o balance que nos deixa o mercado de traballo en Galicia neste último mes de novembro. “O desemprego aséntase en Galiza”, alerta o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, quen denuncia “a incapacidade do goberno do PSOE para levar adiante iniciativas que rematen co lastre das reformas laborais, condenando á clase traballadora galega a seguir sufrindo os seus efectos perversos”.
Así as cousas, o mes de novembro rematou cun total de 170.369 persoas desempregadas, un 0,37% máis que no mes anterior, mentres que na media do estado, o paro reduciuse un 0,06%.
A nivel sectorial, tan só no sector Industrial se reduciu o desemprego un tímido 0,37%, mentres en Construción medrou un 1,89% e no sector Servizos o medre foi do 0,30%. Na media estatal tan só aumentou o desemprego no sector servizos un 0,36%.
Caída da afiliación á Seguridade Social
A caída da afiliación á Seguridade Social foi 5 veces superior ao medre do desemprego, xa que esta se reduciu en 3.327 persoas mentres que o desemprego medrou en 625 persoas. Atopámonos novamente cun enorme desfase entre a evolución da afiliación á Seguridade Social e o desemprego confirmándose mes a mes que “a destrución de emprego é moi superior ao que se percibe no paro rexistrado”.
As explicacións a este desfase poden ser múltiples, pero as máis plausibles, para a CIG son, por unha a emigración e, pola outra, a falta de confianza e utilidade no propio SEPE.
Elevada contratación
A pesar de medrar o desemprego e baixar a afiliación á Seguridade Social, a contratación continuou en valores moi elevados. Concretamente foron 84.427 os novos contratos rexistrados neste mes -o 90,5% baixo algunha modalidade de contratación temporal-, o que para a central sindical constata a existencia dun número moi elevado de traballadores e traballadoras que entran e saen do mercado de traballo continuamente con contratos de moi escasa duración o que eleva as cifras de contratos independentemente de como evolucione o emprego neto.
Ademais, o secretario confederal de Emprego chama a atención sobre o feito, máis que preocupante, de que o 40% dos escasísimos contratos indefinidos rexistrados foron a tempo parcial, o que fai avanzar a precariedade e pobreza laboral e fai preciso “medidas urxentes para que o emprego digno e dereitos sexa unha realidade agora mesmo inexistente”.
A pobreza e a precariedade maniféstase tamén na pobre cobertura social das persoas que perciben prestacións por desemprego, que continúan por debaixo do 50% dos/as desempregados/as, concretamente un 48,9%.
Ante este panorama Cartelle responsabiliza mais unha vez desta situación ás reformas laborais que “arrasaron cos dereitos da clase traballadora” e subliña que “precisamos gobernos que teñan en conta os seus intereses e non os da oligarquía económica”. Denuncia ademais a “incapacidade” do goberno de Núñez Feijoo “para arbitrar medidas que poidan paliar esta situación en Galiza, nin sobre o emprego nin sobre a protección social”.
Xunto a isto advirte Advirte do cada vez maior empobrecemento da clase traballadora galega e urxe “un cambio de rumbo nas políticas de emprego” que considera “vital para rematar co modelo de traballo precario construído por esas contrarreformas laborais do PSOE e do PP”.