Medra o paro, descende a afiliación á Seguridade Social e consolídase a precariedade laboral
As oficinas do SEPE en Galiza rexistraron no mes de xaneiro un total de 189.886 persoas desempregadas. Un 2,63% máis que no mes de decembro fronte ao 1,87% na media do Estado. En termos absolutos o incremento de persoas desempregadas foi de 4.873. Porén a afiliación á Seguridade Social descendeu en 12.000 persoas de media no último mes, case o triple. O paro sobe e a afiliación á Seguridade Social descende malia terse asinado máis de 80.000 contratos, dos que máis do 90% foron temporais, o que dá idea da enorme precariedade que padece o noso mercado laboral.
O secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, responsabiliza desta situación á “inacción” do Partido Popular ao que acusa de estar “máis preocupado por dinamitar as institucións catalás que por facer fronte ao desemprego, á precarización do mercado laboral e á exclusión social”.
Cartelle subliña ademais que un terzo dos contratos eventuais son a tempo parcial, ao igual que máis da metade dos asinados como indefinidos. Xunto a isto salienta que o 59% das prestacións son non contributivas. Por iso subliña que hoxe en Galiza hai “máis desemprego, máis precariedade, menos cobertura social e menos democracia”.
Preocupante descenso das afiliacións á Seguridade Social
Se ben é verdade que o incremento do paro rexistrado é habitual nesta época do ano por mor dunhas condicións climatolóxicas que adoitan ser adversas e que provocan que en sectores como o de Construción suba o paro (+0,8%), ademais de rematar as contratacións vinculadas á campaña de Nadal, que tamén provocan unha perda de emprego no sector Servizos (+4,16%), o certo é que en Galiza, parello a isto, houbo un enorme descenso –nin máis nin menos que 11.986 persoas menos de media no último mes- das afiliacións á Seguridade Social. “Hai un claro desaxuste entre descenso do paro e descenso da afiliación á Seguridade Social”, subliña o secretario confederal de Emprego. “Para a CIG este dato é moi preocupante porque case triplica o descenso de desempregados/as e é isto o que marca a verdadeira caída do emprego”, afirma.
Cartelle pon este dato en contraposición co número de contratos asinados –máis de 80.000, dos que só o 9,7% foron indefinidos- e denuncia que isto demostra a “elevadísima rotación” e evidencia a “escasísima duración” dos mesmos. “Esta é a precariedade que provocaron as reformas laborais do PP que, como se ve cada vez con máis claridade, buscaba impornos un modelo no que se pretende competir rebaixando os custos de produción pola vía de reducir salarios, suprimir dereitos e empeorar as condicións laborais, sociais e de vida do conxunto da clase traballadora”.