Sobe o paro, cae a afiliación á Seguridade Social, medran os contratos fixos descontinuos e, con eles, a precariedade

Fronte a propaganda, a CIG alerta dunha situación que persistirá mentres non se derroguen as reformas laborais, nomeadamente a de 2012
Nacional - 05 Nov 2024

O mes de outubro remata con 1.222 persoas desempregadas máis acadando o total de 122.214. Caeron, porén, en 2.470 as persoas afiliadas á Seguridade Social. Xunto a isto rexistráronse 2.239 contratos fixos descontinuos. Unha situación que leva a concluír ao secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío que “coa última reforma se creou un novo escenario que segue baseándose na precariedade, nos baixos salarios e na inestabilidade laboral”.

González Sío atribúe as oscilacións da carga de traballo aos períodos estivais e de Nadal “que seguen sendo asumidas pola contratación temporal, igual que antes da reforma”. Asegura que, por moita publicidade que se fixera de que sa contratación temporal desaparecera, non é así e que, “como confirman os datos, a estabilidade, neste novo escenario económico e social xa non se basea en ter contrato indefinida a tempo completo, senón en contratación indefinida a tempo parcial ou ben fixos descontinuos”.

Denuncia a inestabilidade que isto provoca porque “da man de obra da clase traballadora, que en teoría poderíamos entender que teñen o traballo de forma indefinida non é tal” e que a súa situación agora depende non só das oscilacións do mercado de traballo, senón tamén da carga de traballo que teñen as empresas, “traballando á carta, con salarios menores e coa incertidume de cando ou como van a traballar e de canto van a cobrar”.

Afiliación á Seguridade Social

Canto á afiliación á Seguridade Social, os datos reflicten unha caída de 3.941 afiliados/as con contrato temporal a tempo completo e outros 1.627 con contrato temporal a tempo parcial, mentres se produce un incremento de persoas afiliadas con contratos fixos descontinuos e indefinidos a tempo parcial.

A este respecto o secretario confederal de Emprego apunta que as contas dan negativo tanto para as persoas afiliadas como as parados o que se traduce en precariedade pola evidente inestabilidade laboral que “segue sendo igual que antes por moito que diga o goberno e os actores que se suman á súa propaganda e que participan no diálogo social”.

Xunto a isto sinal o aumento dos contratos indefinidos, mais tamén dos despedimentosporque como non se derrogou a reforma do 2012, os despedimentos son dunha contía cada vez menor de indemnización”. Unha situación que o leva a concluír que “ter un contrato indefinido tampouco é garante de estabilidade ningunha” e a denunciar que “moitas persoas cun contrato indefinido son despedidas por non pasar o tempo de proba”.

Por iso lembra que a CIG ten “unha valoración non só moi negativa, senón que os datos do paro mes a mes nos dan a razón” e advirte de que mentres non haxa unha derrogación das reformas laborais e se faga unha lexislación que restitúa os dereitos perdidos, free a precariedade, garanta ter un salario e unhas condicións laborais xustas e dignas “imos seguir con esta inseguridade laboral e precariedade que tanto afectan, nestes tempos de carestía da vida á clase traballadora galega”.