Sobe o paro, cae a afiliación á Seguridade Social e o desemprego medra só entre as mulleres
O mes de agosto rematou en Galiza con 118.678 persoas desempregadas, 633 máis que no mes de xullo (+0,54%). Máis unha vez todo o desemprego rexistrado afecta ás mulleres, entre as que sobe un 59,2%. Houbo, ademais, 486 persoas afiliadas á Seguridade Social en alta laboral menos. Unha caída de afiliación que afectou, case exclusivamente, ás persoas con contrato indefinido.
O importante descenso das persoas afiliadas á Seguridade Social na provincia de Pontevedra (1.039 persoas afiliadas menos), non se compensou co incremento no resto das provincias, o que levou a un descenso da afiliación de 486 persoas.
A caída da afiliación afectou, case exclusivamente, ao réxime xeral e, dentro deste, ás persoas que dispuñan dun contrato indefinido, ben sexa a tempo parcial ou fixo descontinuo.
Aumenta a temporalidade
A este respecto, o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, salienta o considerable aumento das e dos afiliados á Seguridade Social con contrato temporal, chegando a temporalidade ao 25,6%, logo de meses medrando.
Neste sentido, atribúe o importante descenso de traballadoras e traballadores con contrato indefinido a “un momento de esgotamento na posibilidade de creación de emprego” por modelo do propio modelo de mercado laboral que hai, tanto no Estado español como en Galiza, “baseado no traballo precario”, no turismo e no sector Servizos. Modelo que provoca que “cando o turismo descende un pouco se incrementen as taxas de paro, aumente a contratación temporal, descenda a indefinida e que a maioría das persoas que perden o emprego sexan mulleres”.
Paro rexistrado
No que atinxe ás persoas inscritas como paradas no SEPE, o medre do desemprego rexistrouse en todas as provincias. Porén o maior descenso do desemprego correspondeuse, sobre todo, coa provincia de Pontevedra, aínda que na de Coruña o crecemento tamén foi cero. Polo tanto ten que ver coas provincias do litoral nas que, pola súa situación xeográfica o turismo ten máis importancia, sobre todo en época estival.
Tan só medrou o desemprego entre as mulleres. O 59,2% das persoas desempregadas son mulleres.
O desemprego medrou, ademais, nos sectores de Industria e Servizos.
Todas as idades se ven afectadas polo aumento do desemprego.
A trampa do contrato fixo descontinuo
A CIG leva alertando, desde que se aprobou a última reforma laboral, da trampa do falso indefinido por medio do contrato fixo-descontinuo, que “para nada é unha contratación que garanta un salario certo todos os meses e durante todos os días dese mes, cumprindo coas expectativas de vidas das persoas traballadoras” e que, ademais, está sufrindo agora, como di González Sío, “un esgotamento”.
O secretario confederal de Emprego entende que o que está a acontecer é que unha parte da patronal “perdeu o medo a ese uso e abuso do contrato temporal e volven a el fuxindo do contrato indefinido, tal cal viu da reforma laboral, que permite que un indefinido sexa un traballador dunha ETT ou que sexa un fixo descontinuo”.