A evolución do mercado laboral galego durante o mes de agosto vén confirmar que a precariedade e a estacionalidade continúan condicionando a creación de emprego en Galiza. A afiliación á Seguridade Social descendeu en 1.466 persoas (-0,2%), mentres o paro rexistrado aumentou en 2.369 persoas (+2,2%), até situarse nas 109.691 persoas desempregadas. Neste contexto as mulleres son, máis unha vez, as máis afectadas.
Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, o máis preocupante é que “a destrución das afiliacións á Seguridade Social produciuse nas persoas con contrato indefinido, mentres a caída non foi máis grande grazas ao aumento da temporalidade”. Unha situación que entende que é consecuencia de que non se derrogase a reforma laboral de 2012. “A súa aplicación, debido á estacionalidade do emprego, fai que o despedimento de persoas con contrato indefinido sexa moi barato e moi fácil para as empresas”.
Cada vez é máis sinxelo e máis fácil para as empresas despedir persoas con contrato indefinido
A CIG leva anos denunciando que “tanto o número de persoas que perden o traballo con contrato indefinido, que aumenta cada ano de forma exponencial, como a contía do que perciben por esa indemnización por despedimento, que cada ano tamén de forma exponencial é menor”, fai que “cada vez sexa máis sinxelo e máis fácil para as empresas despedir persoas con contrato indefinido”.
Isto supón un problema nun mercado laboral como o galego, que “está baseado na estacionalidade e en sectores con condicións de traballo moi precarias”, porque permite que “sen ningún tipo de miramentos se despida un número importante de persoas con contrato indefinido sen ningún tipo de problema”, explica.
Nese sentido, sinala que antes da reforma do ano 2012 isto sería “moito máis complicado polas indemnizacións que había, pola dificultade para argumentar ese despedimento ou mesmo polos propios salarios de tramitación que se eliminaron”.
Por iso, considera que esta é “a cuestión máis importante para denunciar», para cambiar o enfoque do debate sobre a evolución do mercado laboral.
Condicionado pola estacionalidade
González Sío salienta ademais que “o mercado laboral tan precario e a estacionalidade no emprego”, relacionada coa necesidade de contratar dos diferentes sectores, fai que, dependendo do mes do ano, “haxa sectores onde medra a contratación e outros onde descende”.
Esta realidade pode verse, explica, na caída da afiliación na educación ou nas actividades profesionais e administrativas, que durante o período de verán son sectores que precisan de pouca man de obra. Fronte a isto apunta que medra a contratación na hostalaría, coa chegada dos turistas, e nos servizos sociais e sanitarios, pola cantidade de persoas que na época estival collen vacacións.
Para o secretario confederal de Emprego da CIG, esta situación “non facilita que as persoas teñan unhas condicións de traballo dignas” o que provoca que haxa cada vez máis persoas traballadoras que, “malia ter un traballo, son pobres”, porque “non son capaces de cubrir as necesidades básicas”. Unha situación que se acentúa cada vez máis.
As mulleres as máis afectadas
Nesta situación de temporalidade no emprego e de dependencia das necesidades das empresas nos diferentes momentos do ano, as máis prexudicadas son as mulleres. “Que tres de cada catro afiliacións perdidas sexan de mulleres, pese a que a hostalaría está medrando e os servizos sociais tamén, demostra que as castigadas a vivir na precariedade, a sufrir a temporalidade e a vivir en sectores que non dan ningunha estabilidade no emprego, por desgraza, pese a todos os cambios e a todos os anuncios do Goberno, seguen sendo as compañeiras”, afirma.
Francisco González Sío alerta tamén do aumento da temporalidade. Ao analizar os datos do paro, sinala que «os contratos indefinidos son os que menos se fixeron, os que menos se rexistraron polo SEPE neste mes», e denuncia que se está producindo “un abuso no contrato por circunstancias da produción”.
Advirte que a reforma laboral de 2021 non resolveu esta situación. “Por moito que se faga propaganda polas administracións, incluso por algúns medios de comunicación afíns ao Goberno, a realidade é que hai un abuso outra vez dos contratos temporais”. E conclúe afirmando que “as empresas perderon o medo á contratación temporal”, o que fai que este mes fora no que menos contratos indefinidos se fixeran respecto da serie mensual do ano.