Só o 24% de aprobados nas oposicións a docente teñen máis de 3 anos de antigüidade
Segundo o estudo realizado pola CIG-Ensino case a metade das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaron no mesmo corpo docente ao que opositaban no ensino público. A porcentaxe de persoal opositor con máis de tres anos de experiencia docente que obtivo praza apenas supera o 24% -docentes con máis de 2 puntos no apartado 1.1. do baremo-.
Para a CIG-Ensino isto demostra que, un ano máis, “agás no caso do corpo de mestras e nalgunhas especialidades contadas de secundaria, non se materializou o concurso-oposición e que a experiencia acumulada é un mérito maioritariamente irrelevante para obter unha praza fixa”.
Esta realidade, ademais de deixar nunha situación moi vulnerábel o profesorado interino, sobre todo das especialidades máis minoritarias, pon de manifesto que calquera cambio que se queira introducir a partir da reforma do EBEP e da súa aplicación concreta no eido educativo non resolverá os problemas provocados polo abuso da temporalidade por parte da Consellaría de Educación nos últimos anos.
Así o constata a CIG-Ensino que considera que o procedemento selectivo que rexe as oposicións docentes se limita exclusivamente á primeira parte da oposición, composta por unha proba práctica e outra teórica. “Isto que impide que se aplique a fase de concurso, na que computan os méritos, entre os que se atopan os anos traballados na docencia, e tamén que unha parte moi maioritaria das persoas aspirantes poida demostrar a súa capacidade pedagóxica na segunda parte, que consiste na exposición e defensa dunha programación e dunha unidade didáctica”.
Case a metade sen experiencia
No estudo elaborado pola CIG-Ensino computouse a porcentaxe de persoal opositor que obtivo praza e a puntuación obtida pola súa experiencia previa no corpo ao que se presentaba. De aí tírase que practicamente a metade dos e das aspirantes que aprobaron, o 47,5% do total, ten 0 puntos no apartado 1.1. do baremo, que avalía a experiencia no corpo.
Destacan sobre todo as porcentaxes no corpo de secundaria (50,6%), de Escolas Oficiais de Idiomas (57,1%) e de mestras (52,6%). Se se lle engade á porcentaxe total aquelas persoas que non tiñan nin sequera un punto nese apartado (o que equivale a una antigüidade inferior a un ano e medio de traballo) obtemos un 66,4% e se tomamos como referencia quen ten menos de 2puntos (tres anos traballados) chegamos ao 75,2% do total. Ou o que é o mesmo, en Galiza só aprobou as oposicións docentes o 24,8% do profesorado interino con tres anos de experiencia (aquel que suma máis de dous puntos no apartado 1.1. do baremo, no que se recolle a experiencia no mesmo corpo ao que se opta e se corresponde).
Á vista dos datos extraídos pola CIG-Ensino do cotexo do baremo definitivo publicado por cada un dos tribunais que interviñeron nestas oposicións, a porcentaxe total de traballadores e traballadoras con máis de 7 puntos (10 anos de servizos prestados) que conseguiu superar este procedemento é de apenas o 6,2%, como se pode ver nas seguintes táboas resumo.
Neste caso, tamén hai diferenzas salientábeis por corpos, sendo no de mestras no que menos interinos ou interinas de longa duración conseguiron praza, apenas o 4,3%, o que contrasta coas cifras relativas nas EOI, Conservatorios e Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño, con porcentaxes neste caso que suman de media o 16,4% entre os tres corpos.
Así, hai que ter en conta que porcentualmente a cifra de docentes interinos con longas interinidades é superior naquelas especialidades nas que menos oposicións se convocaron nos últimos doce anos.
Persoal interino en situación de precariedade e sen solucións ao problema da temporalidade
Esta realidade pon de manifesto o que a CIG-Ensino leva denunciando desde que o anterior goberno do PP español, co ministro Montoro á cabeza, e os tres sindicatos estatais CCOO, UGT e CSIF asinaran o mal chamado “pacto pola estabilización” do emprego público e que agora parece ser de novo a receita que pretende implantar o Ministerio de Facenda e Función Pública tras a aprobación do coñecido como Plan Iceta, co visto e prace do trío sindical habitual, e que se tramitará nas Cortes a comezos do novo curso escolar.
A estabilización de prazas e non de persoas non é a solución
A estabilización de prazas e non de persoas non é a solución no ámbito do ensino galego porque penaliza claramente a moitas persoas que arrastran unha longa experiencia. Ademais, o actual RD que regula o acceso á función pública docente, con probas eliminatorias, fai que o sistema de acceso se limite, como xa indicamos, a superar unha proba práctica que é unha auténtica criba na maior parte das especialidades.
Así pois, os datos extraídos pola CIG-Ensino non fan máis que evidenciar que calquera cambio que se pretenda acometer no novo Real Decreto de acceso á función pública docente e que emane da reforma do Estatuto Básico do Empregado Público non pode quedarse en mera “cosmética” ou en máis do mesmo, senón que ten que garantir un auténtico concurso-oposición, no que a experiencia e o traballo desempeñado durante anos por moito persoal que tivo que traballar en circunstancias complexas con cambio de centro e de materias cada ano e que vén de superar con nota os dous últimos cursos no actual contexto pandémico se poña en valor.
A CIG-Ensino amosa, por isto, a súa preocupación polas repercusións que van ter os resultados destas oposicións e das que se celebrarán o vindeiro ano que lembra que sumarán a convocatoria da OPE de 2021 coa de 2022, se non hai un cambio profundo no sistema de acceso.
Para comezar, moito profesorado con varios anos de servizo verá empeoradas as súas condicións de traballo, ou ben pasando a ser substituto ou substituta ou ben directamente ao desemprego.
Os recorte afondarán na precariedade
Os recortes denunciados pola CIG-Ensino con respecto ao curso anterior á pandemia tamén afondarán nesta precariedade que tan só se verá mitigada polo elevado número de xubilacións que se prevé nesta década pero fundamentalmente nas especialidades maioritarias.
O sindicato propuxo nas distintas Mesas Sectoriais e así o seguirá facendo nas que se celebren a comezos do curso 21/22dúas vías para solucionar o problema da temporalidade. Por un lado un acceso diferenciado polo que se convoque por un lado as prazas estruturais e por outro as que se deriven de xubilacións ou falecementos.
Para garantir a legalidade do sistema a ambos os dous procedementos poderá presentarse calquera persoa pero no primeiro caso priorizaríase ao máximo a experiencia profesional, con probas non eliminatorias, e no segundo a fase de oposición sobre a de concurso. As oposicións docentes están condicionadas pola LOE, na que se sinala como vía de ingreso o concurso-oposición.
Con todo a realidade vén demostrando que os procesos selectivos son, na maioría das especialidades, unha oposición á que se lle suma despois a fase de concurso só para ordenar a xente que aproba a oposición, verdadeiro filtro do sistema de ingreso.
A CIG manterá en solitario a súa reivindicación histórica
A CIG-Ensino seguirá a defender un modelo de acceso que dea resposta tanto a persoas ás que se lle debe ter en conta a súa experiencia na función pública docente como a a aquelas que aspiran a traballar nela sen experiencia previa ou con pouca antigüidade e así o volveremos a defender no marco da Mesa Sectorial docente do Ministerio de Educación e FP.
Así mesmo, continuará insistindo, e aquí si en solitario, esta reivindicación histórica desde hai anos, que a solución para o profesorado interino que non supere os procedementos selectivos pasa por asinar un Acordo de Estabilidade na Mesa Sectorial docente galega. Un sistema do que existiron precedentes noutras CCAA e que pasa por garantirlle o acceso a interinidades a aquelas persoas con moito tempo traballado para a administración ou de maior idade.
Ambas iniciativas non contan nestes momentos nin co apoio da administración nin co do resto de forzas sindicais e, malia que en Galiza a CIG-Ensino ostenta amplamente a maioría da representación do profesorado, a alianza da Consellaría coas centrais minoritarias, CCOO, UGT, ANPE e CSIF, impediu até o momento nin sequera abrir o debate desta estabilidade.
O recente pacto sindical estatal de tres deses sindicatos con Función Pública (que modifica o EBEP, incorporando a limitación de cara ao futuro de 3 anos como persoal interino, aínda pendente de se adaptar ao ensino público), pode limitar aínda máis a capacidade de poder pactar unha cláusula de estabilidade no ámbito galego.