SmartGreen, de ItelsisGroup, despide a dous dos candidatos da CIG ás eleccións sindicais
A CIG-Compostela vén de denunciar o despedimento de dous traballadores da empresa SmartGreen, de Itelsis Group, tras presentarse o preaviso de eleccións sindicais ás que ían concorrer estes dous empregados. A central sindical anuncia que presentará demanda por despedimento nulo e que iniciará mobilizacións en demanda da súa inmediata readmisión.
Segundo explica Renato Núñez, secretario de Organización da CIG-Banca de Compostela, “a empresa alega un despedimento disciplinario e un axuste de cadro de persoal que casualmente coincidiu co inicio do proceso electoral dunha empresa na que o persoal está descontento pola aplicación dun convenio que non corresponde co do sector”.
Entende ademais que de manterse esta posición quedará evidenciada a vulneración de dereitos fundamentais dos traballadores e traballadoras por parte de SmartGreen.
O persoal exixe, xunto a readmisión dos seus compañeiros, o cumprimento do convenio do sector. “A actitude de SmartGreen é intolerable e a denunciaremos onde sexa necesario para que respecte as condicións laborais, salariais e sociais do conxunto do persoal”. Avanza, xunto a isto, que manterán as mobilizacións mentres os dous traballadores non recuperen os postos de traballo dos que foron inxustamente despedidos.