Sindicatos do Sergas piden no Parlamento recuperar dereitos laborais e sociais
Representantes das organizacións sindicais da Mesa Sectorial do Sergas (CIG-Saúde, UGT, SATSE, CSIF e CCOO) reuníronse esta mañá no Parlamento de Galiza coa deputada do BNG, Montse Prado, para demandar das forzas da oposición que presionen ao PP e ao goberno da Xunta para que se contemplen nos orzamentos de 2017 medidas que permitan comezar a recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos e que se cumpran os acordos asinados na Mesa sectorial anteriores a 2009, data na que foron suspendidos.
En representación das organizacións sindicais, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explicou que desde o ano 2010, coa chegada do PP ao goberno da Xunta suspendéronse todos os acordos de condicións de traballo e retributivos que foran asinados na Mesa sectorial e que, polo tanto teñen carácter de norma. “Desde aquela Sanidade négase a iniciar a negociación na mesa sectorial para abordar a cuestión da recuperación destes acordos que permitirían mellorar as condicións retributivas tendo en conta as especificidades do noso traballo: en quendas, nocturnidade, festividade, gardas.. e equiparalas á media das retribucións que perciben os traballadores/as dos distintos sistemas de saúde do Estado”.
A isto Abuín engadiu que “se o Presidente da Xunta decreta unha suba salarial do 7,5 e o 7% para os altos cargos, o que supón un incremento real do 4% nas súas retribucións, xa que os recortes que se lles aplicaron en 2010 foran do 3%, non é de recibo que nos orzamentos do 2017 non figure ningunha partida orzamentaria para recuperar os acordos que daquela foron suspendidos, para o persoal do SERGAS”.
Incapacidade temporal
A secretaria nacional de CIG-Saúde tamén subliñou que a Lei de Medidas aprobada en 2012 recollía a supresión do Complemento por Incapacidade Temporal (IT) para todo o persoal da administración pública. A dirección xeral de Función Pública, en maio dese ano, ditou instrucións para o ámbito do seu persoal na que se flexibiliza a súa aplicación e recolle que o persoal ten un prazo de tres días para presentar o parte por IT. “Neses tres días non se procede a ningún desconto económico. Porén o persoal do SERGAS ten que presentar o parte de IT desde o primeiro día, sen que sirva outro documento de acreditación médica polo que desde o primeiro día e durante os tres primeiros, se produce un desconto do 50% dos nosos salarios”.
Abuín fixo ademais fincapé en que esta medida está a provocar que agora, por exemplo, en plena vaga de gripe, o persoal acuda ao seu posto de traballo para non perder retribucións malia estar enfermo, co risco de expandir así o contaxio do virus.
“Se a lei é de aplicación para todo o persoal da administración pública, non pode existir esta discriminación cara o persoal do SERGAS”, concluíu, considerando que as traballadoras e traballadores do Servizo Galego de Saúde, “sofren un auténtico imposto á enfermidade”.
Pola súa banda a representante do BNG, Montse Prado, comprometeuse a defender no Parlamento todas as demandas presentadas polas organizacións sindicais. Sinalou que as traballadoras e traballadores do SERGAS “fixeron o esforzo que se lles pediu, mais agora que o discurso oficial é que a crise rematou e que estamos nun proceso de recuperación, toca un compromiso con eles/as para recuperar todos eses dereitos que quedaron conxelados desde o ano 2010”.
Prado pediu ao SERGAS que sente a negociar coas organizacións sindicais e compromiso orzamentario para atender as súas demandas. “É cuestión de vontade política”, afirmou, lembrando que aínda “estamos en prazo”; que o BNG “presentou iniciativas nesa dirección onde se contemplan partidas para atender as demandas dos traballadores/as” e que hai ademais outras partidas como o fondo de continxencias, con máis de 30 millóns de euros, que “permite, se hai vontade política, elaborar un cronograma e atender as súas demandas”. A representante nacionalista considerou ademais que nesta lexislatura ten que ser unha prioridade “o rescate das súas condicións laborais”.