Sindicatos do Sergas mobilizaranse para reclamar a recuperación dos acordos retributivos suspendidos
CIG, CCOO, UGT, SAE, SATSE e CSIF compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha mobilización o vindeiro mércores, día 1 de febreiro, diante do Sergas en demanda da inmediata convocatoria da Mesa Sectorial e do establecemento dun calendario negociador de cara a recuperar as súas condicións laborais.
María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde lembrou que co comezo da crise e coa chegada do Partido Popular ao goberno da Xunta de Galiza, en 2009, o persoal do Sergas viu suspendidos todos os acordos económicos e de condicións de traballo aprobados en 2008 e en anos anteriores. “Retribucións sobre todo vinculadas co traballo a quendas, penosidade, nocturnidade, gardas, festivos especiais e demais”, explicou, e que tiñan como obxectivo equiparar as súas condicións económicas ás do persoal do resto de servizos de saúde do Estado.
Esta suspensións dos acordos supuxeron, segundo explicou Abuín, unha dobre penalización para as traballadoras e traballadores do Sergas, que ademais de ver reducidos os seus salarios nun 5%, as súas pagas extra e os complementos específicos, tiveron que soportar a suspensión dos acordos retributivos, da carreira profesional e unhas condicións de traballo máis penosas.
A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou ademais que a daquela conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, presentara unha proposta que contemplaba a recuperación deses acordos nos anos seguintes. “Porén desde 2009 o PP négase a falar deste tema na mesa sectorial”, denunciou.
Por iso, e diante do anuncio do propio Partido Popular de que estamos na senda da recuperación, as organizacións sindicais dirixíronse tanto ao conselleiro de Facenda, como ao de Sanidade, en demanda de que se negocie unha mellora nas condicións laborais e salariais. Demanda da que non obtiveron resposta e que é o que os levou a iniciar mobilizacións como a convocada para o día 1 de febreiro.
Igualdade de dereitos
Xunto a isto, Abuín chamou a atención sobre o incremento salarial dun 7,5% para o Presidente da Xunta e dun 7% nas retribucións de altos cargos e denunciou que, fronte a isto, se manteñen conxelados os salarios do persoal da sanidade pública galega.
Unha situación diante da que reclamou “unha recuperación salarial na mesma porcentaxe para todos, non só para os membros do goberno do PP e para Feijoo” e fixo un chamamento a todo o persoal que “foi quen fixo posíbel que o sistema sanitario público funcionase durante todos estes anos a pesar dos recortes” a sumarse ás mobilizacións.