Sindicatos de ensino non acoden ao Consello Escolar de Galiza pola ausencia de negociación da Consellaría

Remitiron un escrito ao organismo explicando as razóns que levaron a tomar esa decisión
Nacional - 20 Xun 2019

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP-UGT, que integran a totalidade da representación sindical do ensino público no Consello Escolar de Galiza, remitiron este mércores un escrito ao organismo comunicéndolle que non asistirán ao Pleno convocado para este xoves, día 20 de xuño de 2019.

COMUNICADO

Con esta medida queremos incidir no profundo malestar que temos como representación sindical no Consello Escolar de Galicia e que queremos facer extensible á Mesa Sectorial e outros órganos de representación de Educación pola ausencia de negociación por parte da Consellaría.

No que respecta ao Consello Escolar de Galiza, nestes últimos anos, o CEG ficou absolutamente baleiro de contidos, cumprindo unha mera función de revisión formal de decretos de titulacións de FP. En ningún momento do mandato deste goberno se abordou a elaboración de propostas a través de comisións de traballo como si se fixo noutros momentos. Nin sequera cando o Consello Escolar do Estado abriu a posibilidade de que os diferentes Consellos autonómicos puidesen fixar a súa posición no marco do debate sobre a reforma educativa se fixo o mínimo esforzo por levar ao Pleno do CEG ese debate.

As propias Memorias de Actividades do CEG son boa mostra da ausencia de debate e elaboración de propostas sobre cuestións xerais ou particulares do sistema educativo en Galiza e da transformación do que debería ser un foro de reflexión e contraste de ideas e alternativas en materia educativa nun mero trámite. O CEG, máximo órgano de participación en educación limítase a un debate estéril xa que incluso a Administración Educativa obvia o que que nel se aproba por maioría de forma sistemática.

No caso da Mesa Sectorial amósase unha falta de respecto de forma continuada. Hai cuestións con aspectos que gardan relación directa co profesorado que no pasan pola Mesa. Igualmente destacamos o abandono da Mesa por parte do Director Xeral o pasado día 6 de xuño unha vez tratada a orde de calendario escolar cando aínda restaban dúas ordes a negociar de competencia directa desa Dirección Xeral.

Na mesma liña, desde esa mesma Dirección Xeral remitiuse hai escasas datas, como vén sendo habitual nestes últimos anos, unha convocatoria do Consello Galego de Formación Profesional coa oferta de FP para o curso 2019/20 con moi pouca marxe para que os sindicatos con representación no CGFP puidésemos facer un contraste con rigor cos centros educativos sobre as necesidades e solicitudes feitas por estes. Malia a solicitude de adiar a reunión por ese motivo e pola imposibilidade dunha das organizacións sindicais, a resposta foi manter a reunión sen cambios, amosando novamente que a Consellaría convoca os órganos que preceptivamente debe convocar como unha mera obriga legal mais sen o mínimo interese por negociar ou introducir cambios nunhas propostas que na súa meirande parte están feitas de costas aos propios centros educativos.

Por todo isto, comunicamos que non asistiremos ao Pleno do 20 de xuño de  2019 e instamos á Consellaría a un cambio total na súa liña de negar a negociación, baleirar de contido os órganos de representación e desprezar ao profesorado, aos seus lexítimos representantes e ao conxunto da comunidade educativa.

Asinan o presente escrito todos os membros do Consello Escolar de Galiza en

representación das organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSPUGT.