Sindicatos da sanidade reclámanlle á Consellaría a recuperación de todos os acordos retributivos
Coa chegada do PP ao goberno da Xunta, alá polo ano 2009, e coincidindo co inicio da crise, o persoal do Sergas viu suspendidos todos os acordos retributivos que permitirían a equiparación das súas condicións salariais ás do persoal dos sistemas de saúde do resto do Estado. Este mércores concentráronse diante da Consellaría de Sanidade para exixir que se convoque a mesa sectorial e se negocie un calendario que permita, cando menos, recuperar os salarios e dereitos laborais perdidos.
Neste período, ademais da suspensións deses acordos, as traballadoras e traballadores do Servizo Galego de Saúde perderon as retribucións vinculadas co traballo a quendas, nocturnidade, penosidade, gardas, festivos especiais e demais. Xunto co recorte dos seus complementos específicos, viron tamén como se lles aplicaba unha rebaixa salarial do 5%, como se recortaban as súas pagas extra e como se lles penalizaba por enfermar.
Lonxe de conseguir unha equiparación co persoal dos servizos sanitarios do resto do Estado perderon dereitos non só económicos se non tamén laborais e sociais. Por iso, agora que desde ese mesmo goberno que impuxo todos estes recortes se asegura que estamos na senda da recuperación económica e que se contempla un incremento salarial dun 7,5% para o Presidente da Xunta e dun 7% para altos cargos, exixen que se estableza un calendario negociador.
“Os nosos salarios mantéñense conxelados e malia iso, o persoal fixo un enorme esforzo para garantir a máxima calidade na atención da sanidade pública a pesar dos recortes materiais e humanos que o goberno do PP decretou nestes anos. Cremos que se eles poden subirse os salarios nós merecemos unha recuperación salarial na mesma porcentaxe, para que esa saída da crise na que din que estamos sexa para todos e todas e non só para os membros do goberno”, explicou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xose Abuín.
Os sindicatos convocantes CIG, CCOO, UGT, SAE, SATSE e CSIF coinciden en afirmar que desde a consellaría teñen que sentar a falar. Diante do seu silencio remitiron, tanto ao conselleiro de Sanidade como ao de Fecenda, solicitudes de entrevista para abordar esta cuestión. A falta de resposta levounos a convocar este mércores unha protesta e non descartan continuar coas mobilizacións para que os seus dereitos sexan restituídos.