Silicon Valley: o algoritmo da crise

Adrián Sotelo Valencia - 22 Mar 2023

Como un algoritmo, o SVB, un banco pequeno mais articulado co emporio bancario estadounidense, pódese converter no preludio dunha secuencia de crise financeira global que termine por afectar ao sistema capitalista no seu conxunto

«Un banco representa, dunha parte, a centralización do capital-diñeiro, dos prestamistas e, doutra parte, a centralización dos prestatarios. O seu beneficio consiste, en xeral, en recibir a empréstito a un tipo de xuros máis baixo do que concede aos seus clientes». (Marx, O Capital, III, FCE, México, 2000: 383)

 Inscrito no contexto da crecente perda de supremacía do imperialismo norteamericano no plano mundial, o anuncio da quebra do Silicon Valley Bank (SVB) fundado en 1983 nos Estados Unidos e a súa absorción pola Corporación Federal de Seguros de Depósitos, correu como a pólvora e abalou o mundo financeiro e empresarial. Afectou un dos pivotes das grandes empresas tecnolóxicas e dixitais de Estados Unidos xa que case a metade das tecnolóxicas estaban apoiadas con capital de risco e recibían servizos dese banco, segundo a Investors’ Chronicle (RT, 15 de marzo de 2023).

 O colapso do SVB, que abalou Wall Street, e que fora catalogado por Forbes na súa listaxe anual como un dos mellores bancos de Estados Unidos, tiña operacións en Europa e Asia e en países como Israel, Alemaña, China, Dinamarca, India e Suecia. Constitúe a cuarta maior creba bancaria da historia dese país, despois das do Washington Mutual Bank, do Bear Stearns e a da compañía Lehman Brothers Holdings Inc, fundada en 1850, durante a crise de 2008-2009. Ademais, informouse do colapso do neoyorkino Signature Bank —con activos por un valor taxado en 110.4 mil millóns de dólares e uns 88.6 mil millóns de dólares en depósitos (RT, 13 de marzo de 2023)— que se produciu uns días despois da creba do SVB. Pola súa banda, a secretaria do Tesouro, Janet Yellen, declarou que o goberno non ía rescatar o banco crebado xerando maior incerteza entre os investidores e os depositantes.

 O colapso bancario do SVB, catalogado como o banco máis grande do país, acelerouse despois de que os depositantes e aforradores comezasen a retirar o seu diñeiro, na medida en que se estendía a preocupación e o pánico pola crise que atravesaba a entidade bancaria e as elucubracións de que se estendese a outros bancos e sistemas financeiros do país.

 Tres feitos parecen sustentar os indicios dun contaxio a outros países e entidades bancarias. Por unha banda, a apresurada compra da filial británica do Silicon Valley Bank por parte do banco HSBS (El País, 13 de marzo de 2023). O seguinte é o anuncio do fondo de pensións máis grande de Suecia, Alecta, que estima unha perda, por mor da bancarrota do SVB, por un montante de 1.100 millóns de dólares onde nese banco investira 9 mil millóns de coroas (uns 8 mil 500 millóns de dólares), ademais doutros 2 mil 800 millóns de dólares no outro banco norteamericano que anunciou a súa insolvencia, o Signature Bank (RT, 13 de marzo de 2023). Por último, a anunciada creba do Credit Suisse Group, fundado en 1856, por mor da caída nun 30% do prezo das súas accións alarmou aínda máis os capitalistas financeiros e desencadeou o pánico na bolsa que atinxiu a toda Europa (Financial Times, 15 de marzo de 2023). Neste contexto, o peso mexicano devaluouse un 2.52% en relación co dólar ante o temor de que se producise un «efecto dominó» no sistema financeiro de Estados Unidos (El Economista, 13 de marzo de 2023) e o mesmo ocorreu co euro.

 Nun primeiro balance, Bloomberg informou de que o sector financeiro mundial perdeu arredor de 465 mil millóns de dólares durante os dous seguintes días das crebas dos bancos estadounidenses. Paradoxalmente, grazas ás «sancións», «os acontecementos no mercado financeiro dos EUA non afectaron ao mercado de valores ruso», asegurou o portavoz presidencial de Rusia, Dmitri Peskovy; pola contra, engadiu, «durante as últimas 24 horas as accións do banco Sberbank aumentaron 1,4% mentres que Tinkoff rexistrou un crecemento de 2,09%. Pola súa banda, as accións da empresa de gas Gazprom e as da petroleira Rosneft, aumentaron 0,67%» (RT, 14 de marzo de 2023).

 A prensa sinalou un feito precedente desta crise cando o director executivo do SVB, Greg Becker, vendeu 3,6 millóns de dólares en accións da empresa matriz SVB Financial Group, unhas dúas semanas antes de que o banco anunciase perdas por mil 800 millóns de dólares que desencadearon a bancarrota, de acordo con Bloomberg, citando documentos da Comisión de Bolsa e Valores de Estados Unidos (SEC, polas súas siglas en inglés) (ver RT, 12 de marzo de 2023).

 Os medios de comunicación de todo Occidente e dos Estados Unidos minimizaron estas crebas bancarias e as causas que as producen asegurando que non terán maior repercusión nos sistemas financeiros nacionais e internacionais e asegurando, sen fundamento, que os «aforradores» terán seguridade en recuperar os seus depósitos. Así, tratando de aplacar o vendaval de críticas nunha época de precampaña electoral,  —empezando polas esgrimidas por Donald Trump— Biden asegurou que os cidadáns teñen asegurados os seus depósitos e que se garantirá o acceso ao seu diñeiro, despois de declarar, o luns 13 de marzo, que existe estabilidade do sistema bancario do país (RT, 13 de marzo de 2023), a pesar da evidente problemática que se aveciña, non só no sistema financeiro local, senón no plano internacional como xa se aprecia en moitos países que tiveron que tomar medidas correctivas nos seus sistemas bancarios e financeiros. Segundo diversas fontes, o discurso do presidente non foi do agrado da xente e, máis ben, causou a caída das accións de 17 bancos estadounidenses que, segundo Market Watch, subsidiaria de Dow Jones & Company, propiedade de News Corp, en total as perdas alcanzaron o 10% do valor das súas accións para 15 bancos e o 20% para as dos outros cinco grupos bancarios.

 Certamente que é prematuro predicir até onde chegará esta crise financeira e se producirá unha recesión da economía capitalista norteamericana que, como en 2008-2009, atinxa os demais países capitalistas ligados ao sistema do dólar e á Society for Worldwide Interbank Financial Telecommunication (Swift) controlada por Washington. Pero calquera que sexa a envergadura das repercusións que adquira, non é menos certo que se trata dunha crise multipolar derivada tanto da dinámica de aumento interno das taxas de xuros—que non fan outra cousa máis que fortalecer o capital ficticio especulativo, é dicir, aquel que non crea valor nin plusvalía—como da inflación, sobre todo dos artigos de primeira necesidade e das cadeas de valor, ademais dos efectos combinados da pandemia do novo coronavirus, da guerra en Ucraína, a crise enerxética e das fracasadas «sancións» implementadas por Occidente e a OTAN, dirixidos polos Estados Unidos, co obxectivo explícito de destruír Rusia e, logo China, e, deste xeito, restabelecer o podre e trasnoitado unilateralismo capitalista-imperialista occidental para tentar frear, o inminente nacemento e consolidación do mundo multipolar e policéntrico de nacións que puxo en xaque o hexemonismo norteamericano.

 A crise bancaria, ademais, engade desconfianza, tanto interna como externa aos Estados Unidos, ao dólar como a moeda outrora hexemónica desde o período posterior á chamada segunda guerra mundial e ao mesmo tempo auspicia o desenvolvemento e procura de novos sistemas monetarios alternativos non atados a esa moeda, como o iuan chinés, o rublo ruso ou os esforzos da creación do Banco do Sur cunha moeda común en América Latina partindo inicialmente de Arxentina e Brasil.

 As clases sociais dominantes e os seus gobernos tratan por todos os medios de evitar toda crise que afecte aos seus intereses de clase e ameace os seus privilexios e poderes ancestrais. Afeitas a recibir o proteccionismo e o beneplácito gobernamental dos Estados capitalistas (por exemplo, mediante a redución dos impostos, o incremento dos prezos dos produtos de primeira necesidade e o aumento das taxas de xuros), recorren a todo tipo de medidas como os recortes de persoal e os despedimentos masivos, como veu ocorrendo, mesmo dentro a pandemia, nas empresas tecnolóxicas, nas aplicacións e nas chamadas plataformas dixitais que, a pesar dos enormes beneficios que obteñen á conta da explotación de millóns de traballadores e traballadoras, son incapaces de manter o emprego e os que permanecen experimentan altas taxas de rotación precarización, flexibilidade e superexplotación do traballo como única forma de se manter dentro do universo laboral altamente precarizado e cada vez máis desafiuzado de dereitos e condicións minimamente decorosas necesarias, non só para a reprodución laboral senón, aínda máis importante, da propia vida humana e social.

 En efecto, empresas como Amazon, Alphabet, Meta, Microsoft, Google, Salesforce, WalMart, entre outras, representativas da chamada revolución dixital 4.0 —que, supostamente, segundo a propaganda da mercadotecnia empresarial, estaba chamada a «substituír» o anterior sistema toyotista de organización, produción e explotación do traballo—, só puideron subsistir e expandirse, grazas ao desenvolvemento tecnolóxico das súas aplicacións e da chamada intelixencia artificial, recorrendo á rebaixa dos salarios, aos despedimentos masivos, á prolongación da xornada laboral e ao grande incremento da produtividade do traballo mediante a súa maior intensidade e a superexplotación que nega ao traballador as condicións mínimas para a súa reprodución «normal» na contorna contraditoria da relación traballo/capital.

 Nunha contorna en que a economía capitalista mundial, antes e no decurso da pandemia do coronavirus, presenta comportamentos sistémicos de inestabilidade e retardación, nomeadamente nos Estados Unidos —que posúe a débeda global máis grande do mundo— a única alternativa ás insolvencias financeiras —por suposto descartando temporalmente o recurso á guerra aberta contra Rusia e China, que esta vez sería nuclear—é a emisión de diñeiro sen respaldo na esfera da produción do capital. É este recurso histórico do imperialismo norteamericano para manter a súa dominación global, pero incentivando fortes procesos internos e externos de inflación que terminan por castigar as maiorías cidadás, especialmente os traballadores que nos últimos anos experimentaron fortes deterioracións nas súas condicións de vida e de traballo nos principais países do capitalismo avanzado.

 Como un algoritmo, o SVB, un banco pequeno mais articulado co emporio bancario estadounidense, pódese converter no preludio dunha secuencia de crise financeira global que termine por afectar ao sistema capitalista no seu conxunto. Lembremos que toda dificultade sexa financeira, comercial, monetaria en última instancia sempre se deriva, directa ou indirectamente dos problemas e contradicións dos procesos de produción e reprodución do valor e da plusvalía, así como da acumulación do capital que son as categorías primicias que xeran os beneficios que se apropian gratuitamente os capitalistas. No seu lugar, cando non hai produción de plusvalía, ou esta é insuficiente respecto das necesidades do capital, entón xorden as grandes crises que se expresan nos fenómenos descritos, particularmente nos sistemas bancarios e financeiros como o que está a ocorrer hoxe en día, e ocorreu no pasado, respecto dos bancos estadounidenses.

 O Departamento do Tesouro e os reguladores financeiros, ademais de minimizar a crise bancaria e os seus efectos propagadores a escala nacional e internacional, sostiveron que se garantirán os depósitos dos clientes nos bancos afectados. Porén, non explican de onde sairán os recursos para esa operación. Obviamente, nunha economía capitalista en crise como a norteamericana —o PIB de Estados Unidos durante o período de 2019-2013 situouse de media nun 1.87% (Statista, «Annual growth of the real Gross Domestic Produc (GDP) of the United States from 1990 to 2022, 2 de febreiro de 2023», en: https://www.statista.com/statistics/188165/annual-gdp-growth-of-the-united-states-since-1990/ — e ante o constante incremento das taxas de xuros e de inflación, a única fórmula do algoritmo da crise é recorrer á emisión de moeda, é dicir, de dólares sen respaldo na esfera da produción e no mundo do traballo: unha acción eminentemente fetichista e especuladora que, aínda que pode paliar os efectos das insolvencias bancarias temporalmente; con todo, a longo prazo non fará máis que postergala en conxunción coa acumulación non resolta de novas contradicións aínda máis profundas e extensivas, as cales non se poden frear ou eliminar por decreto ou vontade divina, senón que se teñen que crear as condicións económicas, políticas, materiais e institucionais para o seu pleno desenvolvemento. Como certeiramente afirma Marx n’O Capital (vol. I, México, FCE,2000: 409): «…o único camiño histórico polo cal se poden destruír e transformar as contradicións dunha forma histórica de produción é o desenvolvemento desas mesmas contradicións». Tese completamente ignorada polos filomonetaristas dogmáticos e ortodoxos ferventes crentes das calidades «intrínsecas», «case-máxicas» das chamadas «forzas do mercado» e da moeda (dólar), ignorantes da premisa que reza que «o diñeiro, de seu, carece de valor» tratándose do ouro, da prata, do plástico, dos cartóns de crédito e débito ou, finalmente, das criptomoedas. Valen, si, pero só en canto teñen que ser fabricadas, en canto ao seu custo de produción: o que se inviste en medios de produción e en forza de traballo física e psíquica como en calquera outra mercadoría; pero non en canto diñeiro abstracto, medio de pago, de intercambio nacional ou mundial ou como medida de valor.

 Non abonda con que o Departamento do Tesouro, como é costume en Estados Unidos, ordene a impresión de máis billetes para a Reserva Federal, como dixemos, sen respaldo na esfera real da produción de riqueza, de valor e plusvalía, co obxecto de liquidar as dificultades financeiras. Para evitar os procesos inflacionarios sería necesario que os fondos destinados a emendar as insolvencias dos bancos estivesen apoiados con produción de valor e de plusvalía. Pero nun ambiente macroeconómico de crise e de decrecemento que desvía os investimentos cara á especulación financeira e ao rendíbel e substancioso negocio do complexo industrial militar orientado contra Rusia e China e ao fortalecemento dos exércitos da OTAN, os subsidios ao gran capital e aos bancos privados por parte do Estado derivan, en boa parte, da «maquiniña de facer billetes» co respaldo, nese complexo e na prepotencia do imperialismo norteamericano para asegurar e impor os seus intereses a escala mundial mediante ameazas, «sancións» e intervencións militares contra nacións, institucións e persoas que non estean en consonancia coa xeopolítica militarista de Washington.

 Esta é a dimensión cuantitativa e cualitativa da crise capitalista derivada da creba, en principio, dos dous bancos norteamericanos. E esta liquidará, ou non, a hipótese de que se converta no algoritmo primo que asumirá en diante o sistema no seu conxunto.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 20 de marzo de 2023]