Sexto día de folga do persoal de IKF contra a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar no tempo
Os traballadores e traballadoras de Imerys Kiln Furniture (IKF) cumpren este luns a sexta xornada en folga indefinida para rexeitar a pretensión da dirección de perpetuar a dobre escala salarial -que implica que persoal da mesma categoría laboral cobre até 5200 euros menos ao ano-, así como á liberalización dos horarios que a transnacional francesa quere impor.
A folga está rexistrando un seguimento total entre o persoal de produción e dun 70% entre o persoal técnico e administrativo, polo que a fábrica da Guarda está sen actividade dende hai case unha semana. Malia esta parálise produtiva, até o momento a dirección non fixo nin un só movemento nin tentou negociar co comité, evidenciando a súa nula vontade de diálogo. "A empresa está botándonos un pulso, a ver quen aguanta máis", salienta Xulio Vicente, da FCM-CIG de Vigo, quen destaca o amplísimo seguimento que ten a folga, con carácter indefinido, e a disposición do persoal a loitar.
Para visibilizar as súas demandas fóra do centro de traballo, o comité mantivo esta mañá unha reunión co alcalde da Guarda e o pasado venres coa alcaldesa do Rosal para trasladarlles a situación laboral na fábrica (que se dedica á fabricación de materiais refractarios) e solicitar o apoio institucional ás reivindicacións do persoal.
Consolidar as diferenzas salariais e flexibilización da xornada
Cómpre lembrar que a asemblea de traballadores/as acordou ir á folga para rexeitar a proposta da empresa de manter durante oito anos máis a dobre escala salarial pactada en 2018 co anterior comité (no actual a CIG ten 4 dos 5 delegados/as). Segundo este acordo, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5200 euros menos ao ano.
Xunto a isto, IKF pretende que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría na liberalización dos horarios a dispor da empresa, supondo un ataque ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar. "A dirección quere que o comité lle asine a barra libre de luns a sábado para obrigar a xente a facer horas extraordinarias e flexibilizar aínda máis a xornada", denuncia Vicente.
Ademais, a empresa tamén quere introducir cambios no goce das vacacións, "pois dende hai 40 anos a planta pecha en agosto, pero agora pretende que o persoal vaia de vacacións 15 días en agosto e os outros 15 cando a empresa lle conveña".
Outro dos motivos que levaron á convocatoria de folga ten que ver coa renovación do pacto de empresa, que caducou o 31 de decembro de 2020. As partes comezaron a negociar a renovación en abril, mais o acordo non é posíbel porque non existe consenso na actualización salarial, xa que a empresa quere aplicar a suba que marca o convenio estatal, cando hai un pacto de empresa propio.