Sete novas sentenzas de indefinición condenan o Concello de Betanzos por contratacións fraudulentas do persoal laboral
A CIG vén de gañar sete novos xuízos de indefinición que estiman as demandas presentadas por traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos e que condenan a Administración local por prácticas fraudulentas. O xulgado do social da Coruña estimou a totalidade das demandas presentadas, "a pesar da oposición do Goberno municipal ás reclamacións dalgúns empregados e empregadas vinculadas á CIG, nun claro intento de represión sindical que resultou fracasado".
A representación da CIG denuncia que o Goberno de María Barral incumpriu o comprometido nas mesas xerais de negociación e opúxose á reclamación de indefinición de certo persoal, como a propia representante da sección sindical da CIG. "Discriminou e distinguiu deliberadamente entre os traballadores e as traballadoras cunha postura contraria á reclamación da indefinición, en casos similares mais con persoas diferentes, e demostrou a volta ás prácticas máis antidemocráticas, que marcaron os primeiros anos do percorrido da CIG neste Concello", subliñan.
A sección sindical valora de xeito moi positivo estas novas sentenzas, mais segue lamentando que sexan os traballadores e as traballadoras "quen teñan que acudir ao xulgado e pagar as consecuencias da nefasta xestión do persoal laboral deste Concello", coa exclusión da nova Relación de Postos de Traballo dunha gran parte do cadro de persoal laboral. Lamentan, así mesmo, que o comité de empresa non presentase alegacións á RPT e que o presidente do órgano de representación (CSIF) "non se opoña publicamente a un documento que divide, discrimina e crea un grave conflito laboral no Concello".
Agora o Concello de Betanzos deberá reunir a Mesa Xeral de Negociación de novo para incluír as prazas na Relación de Postos de Traballo e modificar o documento inicialmente aprobado. A maiores, ten pendentes de resolver as alegacións que presentou a propia CIG e múltiples traballadores/as, tanto laborais como persoal funcionario, "que lle demostraron ao Goberno municipal a súa oposición a un documento aprobado exclusivamente co apoio da CSIF e que afonda nas discriminacións históricas existentes nesta Administración local".