Sete días de folga en Urbaser Ames sen saber nada nin da empresa nin do concello
Cunha concentración no Milladoiro, ás 13:30 horas desta tarde, cumprían as traballadoras e traballadores do servizo de limpeza viaria e punto limpo de Ames, concesionado a URBASER, a sétima xornada de folga indefinida. Un conflito que se vai alongando no tempo sen que nin a empresa, nin o concello deran máis sinais de vida que a emisión dun informe negativo coa pretensión de impedir unha convocatoria de manifestación, prevista para mañá martes, día 16 de maio, ás 19:00 horas, con saída da casa do concello. Mobilización que, porén, si permitiu a Xunta Electoral.
Así o explica o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, quen denuncia, ademais, os servizos mínimos abusivos impostos por decreto polo actual alcalde e candidato polo PSOE ás vindeiras municipais, Blas García.
“Nun domingo ou nun festivo só traballa unha persoa por quenda, pero o alcalde estableceu que os servizos mínimos foran do 50%, alegando as temperaturas previstas para esta semana”, denuncia Alonso.
A consecuencia desta decisión é, para o representante da CIG, obvia. A folga apenas é percibida polas veciñas e veciños de Ames, porque a limpeza viaria estase mantendo no día a día. Urbaser escoita de lonxe o ruxe ruxe do persoal nas mobilizacións diarias que se convocan en distintos puntos de Bertamiráns e do Milladoiro, mentres agradece o doce agasallo do alcalde, que esmaga así a principal ferramenta que a clase traballadora ten para reclamar os seus dereitos: a folga.
E, pola súa banda, o alcalde, Blas García, segue na súa campaña electoral pensando que grazas á súa decisión ten contenta á veciñanza, esquecendo que as persoas que traballan no servizo de limpeza viaria e no punto limpo, tamén son veciños e veciñas de Ames que o único que fan é defender o seu dereito a ter unha vida digna.
Con todo, o máis grave é que o alcalde de Ames esquece que estes son servizos públicos que o concello ten a obriga de prestar, pero que en lugar de facelo directamente os subcontrata a unha empresa privada como Urbaser que ten como único obxectivo aumentar, ano a ano, o seu monto de beneficios a custo dos traballadores e traballadoras.
Malia os servizos mínimos ter sido recorridos, o persoal non conta cunha rápida resolución por parte do xulgado do Contencioso-Administrativo, dada a lentitude da xustiza. Por iso Alonso explica que “non nos queda máis remedio que aguantar nesta loita” e asegura que “a xente está firme, plenamente concienciada de que esta loita ía levar tempo pero aguantando como ten que ser”.
Demanda de recuperación salarial
Os salarios brutos das traballadoras e traballadores deste servizo público están nos arredor de 1.200 euros brutos mensuais. Coa alza desorbitada de prezos dos produtos de primeira necesidade, que son precisamente aqueles nos que se vai o salario da clase traballadora, o persoal non só está perdendo poder adquisitivo, senón mesmo a posibilidade de ter unha vida digna.
Por iso continuarán a súa loita, porque lles vai no peto, nas facturas, nos alugueiros, nas hipotecas e no xantar do día a día. “Entendemos que o IPC é o mínimo”, conclúe Alonso que matiza que tamén demandan outras melloras sociais.
O secretario comarcal da CIG-Servizos conclúe que “é dificilmente comprensible que Blas García amose tal falla de sensibilidade social e, en lugar de defender ás súas veciñas e veciños traballadoras e traballadores dun servizo público do concello do que é alcalde, prefira permitir esta actitude por parte de Urbaser”.
Así as cousas, mañá martes, día 16 de maio, repetirán concentración no Milladoiro e farán, ademais, a manifestación ás sete da tarde saíndo do concello de Bertamiráns.