Sete cousas que terías que saber sobre Palestina para que os medios de comunicación non te enganen

Alys Samson Estapé - 06 Nov 2023

Poñer ao mesmo nivel o ocupante e o ocupado xera unha falsa simetría. Israel é un Estado nuclear que dispón dun dos exércitos máis poderosos do mundo, mentres que o pobo palestino non ten nin sequera un Estado propio. Tampouco é un conflito relixioso. Cualificalo así elimina todo o contido político e colonial. Agora ben, Israel utiliza a relixión en interese propio

 Como conseguiu Israel que ante o masacre en Gaza de máis de 7.000 persoas, das cales máis de 2.000 nenos son, tantos gobernos non se atrevan a dicir nada? Como pode ser que ante tanta inxustiza aínda tantos medios de comunicación non nos expliquen o que está a pasar realmente?

 Adóitase dicir que o que pasa a Palestina é moi complexo, delicado e difícil de entender, mais en realidade é moi sinxelo: o pobo palestino estivo suxeito a un réxime colonial por parte de Israel e foi expulsado da súa terra pola forza, a onde tería que ter o dereito a volver.

  1. Israel quere o territorio palestino, sen os palestinos, que son o pobo indíxena

 A violencia non empezou o 7 de outubro. Desde primeiros até mediados de século XX, Palestina era un protectorado británico, un tipo de entidade colonial. No ano 1947, as Nacións Unidas aproban o plan de partición do antigo protectorado en dous estados: Palestina e Israel. Este plan, unido á posterior usurpación de Israel de aínda máis territorio que o que lles daba o plan da ONU, acabou saíndo adiante, a pesar de que os países árabes veciños votaron en contra e o pobo palestino non foi nin sequera consultado. A creación do Estado de Israel coñécese polos palestinos como Nakba, ‘catástrofe’ en árabe, e fíxose a través dun proceso de limpeza étnica, expulsando 750.000 palestinos das súas terras. O Estado palestino nunca se creou e moitos países aínda non o recoñecen.

 O Goberno de Israel actual reclama todo o territorio (o que fora o protectorado británico, o que se considera a Palestina histórica). De feito, Israel foi ocupando cada vez máis territorio de forma ilegal, segundo as Nacións Unidas. No ano 1967, Israel ocupa militarmente a Franxa de Gaza, Cisxordania (no oeste do río Xordán) e separa e illa Xerusalén.

 Durante décadas, o Estado de Israel promoveu o estabelecemento de poboación israelí mesmo dentro do territorio palestino ocupado en Cisxordania, creando asentamentos de “colonos”, construíndo cidades onde só poden vivir persoas xudías e expulsando progresivamente os palestinos das súas propias aldeas e cidades. Trasladar poboación do Estado ocupante á zona ocupada constitúe un crime de guerra e foi condenado repetidamente polas Nacións Unidas como un acto de ocupación ilegal.

  1. En que condicións vive o pobo palestino?

 Israel creou un sistema opresivo no que fai algunhas pequenas concesións a unha parte dos palestinos e, á súa vez, castiga máis duramente outros palestinos, en función de onde nazan, onde vivan e se os necesitan para traballar. Na Franxa de Gaza hai 16 anos que Israel pechou máis de dous millóns de persoas no que se coñece como “a prisión máis grande do mundo ao descuberto”, como dixo o historiador israelí Ilan Pappé. O exército de Israel controla todo o que entra por terra, mar e aire, non deixa saír ningún palestino (agás con permisos especiais), destruíu o aeroporto e construíu un muro que rodea toda a Franxa.

 En Cisxordania, os palestinos viven baixo unha brutal ocupación militar. Hai máis de 500 controis militares (coñecidos como checkpoints) que controlan a súa mobilidade, para ir á escola, ao traballo, visitar familiares, etc., mesmo para se mover entre dúas cidades palestinas. Incluso hai estradas de uso exclusivo para os colonos.

 Dentro de Israel, os palestinos, o 20% da poboación, teñen máis de 60 leis que os discriminan automaticamente en todos os ámbitos da vida, desde os dereitos da cidadanía, participación política, até a terra e a vivenda, á educación, etc.

 Todos os descendentes dos palestinos que tiveron que fuxir en 1948, máis de 7 millóns, son refuxiados e teñen prohibido o retorno ás súas terras. Algúns viven en campos de refuxiados en Xordania ou no Líbano, e outros na diáspora en todo o mundo.

 Human Rights Watch e Amnistía Internacional din o que hai décadas di o pobo palestino: Israel comete crime de apartheid contra todo o pobo palestino, crime prohibido polo dereito internacional. Mantén a dominación sistemática dun grupo étnico por riba doutro para beneficiar a poboación israelí xudía. Apartheid quere dicir que os palestinos son castigados e atacados sistematicamente polo simple feito de seren palestinos. O arcebispo surafricano Desmond Tutu afirmou que a situación que viven os palestinos era “en moitos casos peor” que o apartheid de Suráfrica.

  1. Cales son as demandas do pobo palestino?

 Actualmente, a demanda internacional máis clara da sociedade civil palestina é a de boicotar, desinvestir e sancionar Israel até que este poña fin ao apartheid, ao colonialismo e á ocupación, e permita o retorno dos refuxiados palestinos. O pobo palestino di que, até que non estean garantidos os seus dereitos e haxa igualdade de condicións, non se poderá falar sobre como vivir territorialmente.

 Aqueles como a Unión Europea e o Goberno do PSOE no Estado español que seguen propondo os dous estados como solución política non lle preguntaron ao pobo palestino se isto é o que quere. Só hai que ver o mapa actual para concluír que o suposto Estado palestino é inviábel. Israel foi ocupando territorio de forma que o que quedaría é unha Palestina totalmente fragmentada.

  1. Israel leva a cabo masacres con apoio e complicidade internacional

 Gran Bretaña e, en xeral, os países europeos teñen unha gran responsabilidade na creación do Estado de Israel no territorio palestino e no feito de dar total impunidade a Israel nos seus crimes contra o pobo palestino. Os Estados Unidos e os estados europeos continúan tratando Israel como socio preferente. Israel é, de feito, o principal receptor de financiamento militar norteamericano, e recibe 3.800 millóns de dólares anuais.

 Israel non respecta as resolucións das Nacións Unidas e agora declarou a ONU non grata porque o secretario xeral falou da ocupación de Israel no territorio palestino. Que outro país no mundo goza de tanta impunidade?

 A mensaxe que envía a inacción internacional é que non pasa nada polo feito de asasinar palestinos. O conxunto de Europa adoptou sancións contra Rusia cando invadiu Ucraína, mais non o fai con Israel. Esta dobre vara de medir só se pode entender de maneira racista e colonial.

  1. É un conflito relixioso?

 Un conflito dáse entre dous “iguais”. Poñer ao mesmo nivel o ocupante e o ocupado xera unha falsa simetría. Israel é un Estado nuclear que dispón dun dos exércitos máis poderosos do mundo, mentres que o pobo palestino non ten nin sequera un Estado propio.

 Tampouco é un conflito relixioso. Cualificalo así elimina todo o contido político e colonial. Agora ben, Israel utiliza a relixión en interese propio. Primeiro, a islamofobia de Israel e tamén internacional representa o palestino como un “pobo atrasado, machista e bárbaro”. O pobo palestino, como calquera pobo no mundo, é un pobo diverso.

 O sionismo, a ideoloxía que levou á creación dun Estado para o pobo xudeu en Palestina, utilizou a conexión coa terra, segundo a Biblia, usando a máxima “un pobo sen terra, para unha terra sen pobo”. Mais si que había un pobo vivindo naquelas terras, o palestino. Calquera persoa xudía do mundo ten o dereito de emigrar a Israel e converterse  en cidadá israelí, mentres que os refuxiados palestinos teñen negado o dereito ao retorno.

 Moitas veces, dirixentes políticos israelís din que falan en nome de todas as persoas xudías do mundo. Pero isto tamén é negar a diversidade que hai entre todas as persoas xudías, e máis aínda cando cada vez hai máis persoas xudías que están en contra das políticas racistas e colonialistas do Estado de Israel.

 Israel manipula a definición de antisemitismo para incluír as críticas lexítimas nas vulneracións de dereitos humanos ao pobo palestino, e así busca silenciar as críticas nas súas accións, feito que dificulta detectar o verdadeiro antisemitismo.

 Utilizando o slogan da extrema dereita “o noso pobo, primeiro”, en 2018 o Parlamento israelí aprobou a Lei básica: o Estado nación do pobo xudeu, e outorgou status constitucional ao sistema discriminatorio de leis e políticas que outorgou dereitos superiores ás persoas xudías, mentres priva o pobo palestino de dereitos fundamentais á súa terra natal. A idea en si de ter un Estado só para as persoas xudías é organicamente antidemocrática e racista.

  1. Israel ten dereito a se defender?

 Israel leva a cabo masacres contra o pobo palestino alegando o seu “dereito a se defender”. Israel móstrase como a vítima, cando é o Estado que controla todas as fronteiras do territorio e que aplica un réxime de apartheid contra todo un pobo.

 Castigar colectivamente a poboación civil, deixar sen electricidade, auga, comida e medicamentos a Franxa de Gaza non é defenderse. Asasinar, utilizando armas de precisión, máis de 7.000 palestinos en 15 días, atacar barrios residenciais, hospitais, escolas, edificios da ONU, igrexas e mesquitas non é defenderse: son crimes de lesa humanidade.

 Expertos en dereito internacional alertaron que o que está a levar a cabo Israel é un inicio de xenocidio. Moitos titulares de prensa afirman que os palestinos “morren” como se fose debido a un fenómeno natural. Unha boa parte dos medios está deshumanizando o pobo palestino. Así, achándase o terreo para un xenocidio. Desa maneira, á opinión pública aféctanlle menos as terríbeis cifras de asasinatos que nos chegan da Franxa de Gaza e de Cisxordania.

  1. O que fagamos desde aquí importa, e moito

 Ante o horror que estamos a ver é doado que nos sintamos impotentes. Mais o que fagamos desde aquí importa, e moito. O pasado sábado, unhas 70.000 persoas ocuparon as rúas de Barcelona para pedir que se pare o xenocidio e se poña fin á complicidade con Israel. Sabemos que a mobilización popular empurra o discurso institucional. Temos que continuar empurrando.

 Parecía imposíbel poñer fin ao apartheid en Suráfrica, e foi grazas ás mobilizacións alá e en todo o mundo que se conseguiu.

 Netanyahu anunciou que o que está a preparar será lembrado por xeracións. Se Israel leva a cabo este xenocidio, non será só unha desgraza para as persoas palestinas: serao para todas nós, a humanidade enteira. Non deixemos que isto pase. Os palestinos están a pedírnolo. Non noso nome.

 

[Artigo tirado do sitio web catalán Crític, do 28 de outubro de 2023]