Servizos públicos si, pero non implantados de calquera maneira
Esta semana, o conselleiro de Política Social presentaba a posta en marcha do servizo "Reconduce" no edificio administrativo da Xunta de Ferrol, que se encargará de atender as consultas de persoas en risco de desafiuzamento. Dende a CIG-Administación saúdan a implantación de novos servizos públicos "nunha comarca periférica e con tantas e urxentes necesidades sociais". Porén, afean á Xunta as condicións nas que se instaura o servizo, xa que basicamente se limita a dúas mesas colocadas no medio do espazo que ocupa a Unidade de Atención á Dependencia.
Isto supón, dende o punto de vista das e dos usuarios, a falta de confidencialidade necesaria para tratar unha problemática tan delicada como un desafiuzamento. E tampouco é aceptábel dende o punto de vista laboral, "por non atender o respecto debido o labor dos distintos/as profesionais que atenden os servizos públicos prestados nesas dependencias, tanto os que xa estaban como os novos que se incorporan", afirma Carmen Viso, secretaria comarcal da CIG-Administración.
A creación dunha nova Equipa de Valoración da Discapacidade supuxo que unha traballadora social e unha psicóloga estiveran rotando polos diferentes despachos sen un lugar físico estábel e sen unha conexión informática para facer o seu traballo"
A falta de espazo no edificio administrativo de Ferrol xa foi denunciada pola central sindical diante da Consellaría e a nivel público, posto que a creación dunha nova Equipa de Valoración da Discapacidade supuxo que, dende o mes de marzo unha traballadora social e unha psicóloga "estiveran rotando polos diferentes despachos sen un lugar físico estábel e sen unha conexión informática para facer o seu traballo".
Saturación "non admisíbel"
A saturación que se dá "non é admisíbel nin organizativa nin laboralmente", denuncia Viso, especialmente tendo en conta que existe un local traspasado á administración autonómica polo antigo Instituto Nacional de Servizos Sociais en marzo de 1985, e que na actualidade está a ser infrautilizado. Nese local era onde estaba orixinariamente o Equipo de Valoración da Discapacidade.
Dende a CIG-Administración Pública levan tempo reivindicando que non se supriman e se implanten máis servizos públicos para que a cidadanía de Ferrolterra poida ser atendida nas súas xestións na nosa cidade e non teña que desprazarse fóra.
Non obstante, a Federación considera que a situación laboral e de atención aos/ás usuarios/as que se está a dar -e que se dará tanto nos servizos existentes como no que se vén de implantar-, "pon de manifesto a improvisación e a falta de interese na política social e na xestión útil dos recursos existentes. Quedando máis na política de grandes xestións e venta de fume que en comezar a facer as cousas dende a organización responsábel e eficaz, con utilización de todos os recursos existentes".