O servizo de recoñecemento médico do ISM de Corcubión segue sen persoal de enfermería
A CIG alerta, unha vez máis, do deterioro e do desmantelamento que se está a producir no centro do Instituto Social da Mariña de Corcubión que continúa sen ter persoal de enfermería para realizar o servizo de recoñecemento médico. Pero ademais, o ISM pretende externalizar este servizo cunha mutua mentres non consiga un enfermeiro ou enfermeira.
"Resulta sorprendente que a administración non dea atopado profesionais para cubrir o servizo, cando as mutuas da comarca si conseguen contratar persoal de enfermería", sinala o secretario da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño. Neste senso, entende que esta é unha escusa máis do ISM para avanzar no proceso de desmantelamento do centro de Corcubión e na centralización e externalización dos servizos que até agora se viñan prestando nesta oficina.
Cómpre lembrar que nos últimos dous anos, o ISM trasladou o servizo administrativo de Corcubión, deixou de realizar os cursos de formación sanitaria de maneira presencial e aínda que mantén o servizo de recoñecemento médico, este préstanse en condicións de precariedade.
Cómpre lembrar que o ISM pretendía suprimir esta atención e que os/ás traballadores/as do mar dos concellos de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso, Carnota e Malpica se tiveran que desprazar á Casa do Mar da Coruña para facer os recoñecementos e outro tipo de actuacións sanitarias. E só foi a raíz das denuncias da CIG e das mobilizacións nas que participou o persoal do sector que a Dirección Provincial decidiu manter este servizo, aínda que con escasos recursos.
A CIG seguirá defendendo a continuidade de todos os servizos no centro de Corcubión e no resto de oficinas locais e reclama do Ministerio de Seguridade Social dote dos recursos humanos e económicos necesarios ao Instituto Social da Mariña para garantir unha adecuada atención ás traballadoras e traballadores do mar.