Servicios Sanitarios del Cantábrico ten que revogar a sanción imposta a un traballador por un golpe fortuíto a unha ambulancia
A empresa Servicios Sanitarios del Cantábrico SL, que presta os servizos para o 061 na comarca de Ferrol, vén de ser condenada polo Xulgado do Social a revocar a sanción imposta a un traballador. Cómpre lembrar que a UTE (encabezada por Ambuibérica) envioulle en xullo do ano pasado a comunicación dun expediente no que acusaba o traballador de golpear unha ambulancia durante a prestación dun servizo.
Dito expediente rematou coa comunicación dunha sanción por falta grave que carrexa a suspensión de emprego e soldo de seis días. Esta sanción totalmente inxusta e inxustificada, foi recorrida polo traballador, "ao entender que é un caso clarísimo de represión pois dáse a circunstancia que durante oito anos foi delegado de persoal pola CIG e destaca pola súa loita na defensa dos dereitos", subliñan dende a FGAMT-CIG de Ferrol.
Na sentenza que vén de emitir, o xulgado condena tamén a empresa ao abono dos salarios que se deixaron de percibir polo cumprimento da sanción.