Sergio Bologna advirte que non hai antifascismo posíbel sen anticapitalismo

O intelectual italiano ofreceu unha palestra arredor do seu libro Nazismo e clase obreira, que vén de publicarse en galego
Nacional - 23 Mai 2025

Sergio Fontegher Bologna, un dos máximos expoñentes do operaísmo (movemento político e filosófico que apareceu na Italia dos anos 60 do século pasado), ofreceu este venres unha palestra en Compostela, arredor do seu libro "Nazismo e clase obreira", que vén de ser publicado en galego. No acto, no que tamén participaron representantes das CIG e das delegacións convidadas ao IX Congreso, o intelectual italiano explicou que para entender como a extrema dereita avanza hoxe, “hai que retroceder polo menos 40 anos”, cando a imposición do modelo neoliberal substitúe o modelo do compromiso socialdemócrata adoptado tras a fin da Segunda Guerra Mundial. E advertiu que “non hai antifascismo sen anticapitalismo”.

Bologna foi profesor nas universidades de Trento, Padua e Bremen e tratou diversas disciplinas como a filosofía, a socioloxía, a economía e a historia dende o marco da teoría crítica da sociedade.

Xosé Manuel Carril, catedrático de dereito do traballo da UdC, encargado de presentar a palestra, salientou a traxectoria intelectual e política de Bologna “marcada por un compromiso inequivocamente coherente, a pesar das limitacións, penurias e represións padecidas que tivo a capacidade de encarar dende unha ética persoal nutrida de principios e valores propios do antifascismo como movemento de emancipación social dende a resistencia”.

Carril destacou o valor actual do seu ensaio "Nazismo e clase obreira", que definiu como unha revisión de estudos históricos na que “se aborda o problema da memoria da resistencia dende o plano da investigación historiográfica que permite reconstruír o pasado, mais sobre todo tamén para evitar a manipulación do pasado dende o presente. É unha reacción fronte ao que supón o revisionismo histórico en Alemaña”.

A seguir, polo seu interese, reproducimos a intervención de Sergio Bologna no Seminario Internacional organizado pola CIG.

Non hai antifascismo sen anticapitalismo

As ideas que exporei nesta conversa son, en certa medida, unha síntese dos razoamentos que compilei no texto publicado en febreiro de 2023; estou a preparar a edición en alemán, onde actualicei algúns datos estatísticos.

Toda Europa está hoxe en alerta porque os partidos de extrema dereita están a aumentar os seus votos. En Italia, a extrema dereita está no goberno. Entre os países fundadores da Unión Europea, é o primeiro caso. Tamén nos anos 20, o primeiro país no que o fascismo conquistou o poder foi Italia (1922). Mussolini foi o mestre de Franco e de Hitler.

Tentarei destacar aspectos que adoitan ser ignorados ou mesmo pasados por alto.

Para entender como a extrema dereita avanza hoxe, hai que retroceder polo menos 40 anos.

Como vós lembrades, tras o fin da Segunda Guerra Mundial, os países occidentais adoptaron un modelo de democracia que buscaba garantir un equilibrio social, unha distribución menos inxusta da riqueza. Os sindicatos eran recoñecidos como un piar da democracia. O Estado tiña un papel importante na economía, e a industria estatal garantiu que os beneficios se reinvestisen, en certa medida, no territorio nacional. Este modelo de goberno foi chamado “o compromiso socialdemócrata”. Lembrade, en Alemaña Occidental, a “economía social de mercado” de Ludwig Erhardt.

No leste de Europa, os países estaban gobernados segundo os principios do socialismo soviético.

Todo isto remata nos anos 80. Nos Estados Unidos, a administración Reagan, e en Gran Bretaña, o goberno Thatcher atacan os sindicatos e os dereitos dos traballadores, desmantelan a intervención do Estado, dando cada vez máis espazo aos privados, reducindo os servizos públicos para os cidadáns. O modelo do compromiso socialdemócrata é substituído polo modelo neoliberal. As loitas sindicais son reprimidas, e o sindicato debe aceptar as regras impostas polos patróns. A partir deste punto, a democracia comeza a converterse nunha palabra baleira.

Porén, o feito máis grave é que os partidos de esquerda, os laboristas en Inglaterra, os ex-comunistas en Italia, os socialistas en Francia, en lugar de oporse con todas as súas forzas ao modelo neoliberal, foron aceptándoo pouco a pouco, contribuíndo así a crear a situación que nos últimos anos viu o auxe da extrema dereita. En vez de combater o neoliberalismo, os partidos de esquerda buscaron salvar a súa pel, as súas burocracias, os seus escanos no Parlamento, e esquecéronse cada vez máis dos traballadores. Esta tendencia, que levará ao abandono dos valores e principios da xustiza social, acelérase fortemente tras a caída do Muro de Berlín, en 1989.

A Unión Europea tamén sofre esta involución. O último presidente da Comisión que aínda mantén certa fidelidade a certos principios sociais é Jacques Delors, que a miúdo se vale dos consellos e da contribución dun gran sindicalista italiano, Bruno Trentin. É aínda un presidente que cre na utopía europea.

Un exemplo de como a esquerda abandonou pouco a pouco os seus principios é precisamente Italia, onde estaba o Partido Comunista máis forte de Europa. Catro días despois da caída do Muro de Berlín, o secretario do partido, Achille Occhetto, animado por quen posteriormente sería presidente da República, Giorgio Napolitano, anuncia que o nome do partido xa non será “comunista” e que o partido non debe ser xa un partido de masas, senón un partido de profesionais, áxil, preparado para responder inmediatamente aos cambios de táctica. O PCI pasa a chamarse Partido Democrático da Esquerda (PDS), presentouse ás eleccións de 1994 e foi derrotado de forma estrepitosa. Por quen? Por un novo partido, nado poucos meses antes e fundado polo magnate Silvio Berlusconi.

Do mesmo xeito que Mussolini foi mestre de Franco e de Hitler, podemos dicir que Berlusconi foi un precursor de Trump, é dicir, homes que só pensan nos seus intereses persoais.

Aquí comeza tamén a historia de Giorgia Meloni, quen é en todos os sentidos unha “filla política” de Silvio Berlusconi, que a nomeou Ministra da Xuventude no seu último goberno. Este ministerio foi creado expresamente para ela (maio de 2008). Meloni, convertida en primeira ministra en 2022, quixo que, tras a morte de Berlusconi (12 de xuño de 2023), se organizasen funerais de Estado na catedral de Milán. Nin sequera algúns presidentes da República, como Saragat, tiveron funerais de Estado.

Polo tanto, é erróneo dicir que Italia se volveu de extrema dereita neofascista en 2022 con Giorgia Meloni; Italia comezou a ser un país gobernado por movementos populistas a principios dos anos 90, que poden ser chamados de extrema dereita porque exacerbaron certos aspectos do neoliberalismo: o partido de Berlusconi e o seu principal aliado de entón, a Lega Nord, que conquistou o goberno de Lombardía, a rexión máis rica do país, xa en 1994, e despois o goberno do Véneto, a segunda rexión máis rica de Italia. É a parte con maiores ingresos de Italia, a parte máis rica, a que se inclina á dereita.

En 1992 comeza o desmantelamento da estrutura económica herdada do fascismo; a industria pública e os grandes bancos públicos son privatizados. O capital privado da finanza internacional e italiana apropiase dun gran patrimonio acumulado ao longo dos anos. As privatizacións tamén provocan a crise dos partidos que gobernaron Italia desde 1945, a Democracia Cristiá e o Partido Socialista. Onde vai o persoal político destes partidos? En parte, únese a Berlusconi e á Lega Nord; en parte, intégrase co persoal político do antigo Partido Comunista. Así, destas fusións xorden dous polos políticos: o Polo da Liberdade, de dereita, e o agrupamento que se di “de esquerda”, cuxo principal representante é Romano Prodi.

O primeiro goberno de Berlusconi dura pouco tempo, e é sucedido polo primeiro goberno de Prodi. Este goberno leva a cabo unha política que permite a Italia entrar no euro, pero ao mesmo tempo inicia unha política de flexibilización da forza de traballo, que continuará nos gobernos posteriores, tanto de centro-esquerda como de centro-dereita. Italia convértese nun país cunha forza de traballo cada vez máis precaria, que prexudica especialmente aos mozos. Os dereitos dos traballadores conquistados nos anos 70 sofren un desgaste constante.

A globalización, que comeza a consolidarse nos anos 90, co traslado de moitas producións industriais a países con man de obra barata, debilita aínda máis á clase obreira de Europa Occidental. As empresas estrutúranse de maneira diferente. Na era fordista, estaban integradas vertical e horizontalmente. A partir dos anos 80 e 90, descomponse nun núcleo central, o core business, e en moitas pequenas e medianas empresas que funcionan como provedoras. Pero o aspecto máis dramático a nivel mundial é a supremacía da finanza sobre a produción. Comeza o período da economía da débeda. Contra a finanza é difícil organizar unha oposición de clase.

Coa guerra en Iugoslavia comezan unha serie de acontecementos extraordinarios que trastornan todo o marco institucional mundial: o ataque ás Torres Xemelgas en 2001, a guerra en Iraq e, finalmente, a crise de 2008/9. Na guerra de Iugoslavia reaparecen os símbolos do nazismo, por exemplo, en Croacia.

As condicións de traballo cada vez máis precarias afastan tanto á clase obreira da “esquerda” como á clase media intelectual. Porque o traballo intelectual en todas as empresas do sector terciario e dos servizos é aínda máis precario e mal remunerado, especialmente no sector público, onde os servizos son externalizados e adxudicados, tras unha licitación, a quen ofrece o prezo máis baixo. Así, os obreiros comezan a votar pola extrema dereita, e a clase media comeza a non votar. Por que gañou Giorgia Meloni en 2022? Porque houbo unha abstención altísima. Ela obtivo a presidencia do goberno co 16% dos votos dos que tiñan dereito a votar. Nas eleccións europeas, esta porcentaxe diminuíu aínda máis.

Que pasou tras a súa vitoria? Culpouse á clase obreira –como en 1933 en Alemaña– pola vitoria do neofascismo. Pero isto é dobremente falso: 1) a responsabilidade da vitoria da dereita recae totalmente en aqueles que abandonaron os principios de xustiza social e abrazaron o modelo neoliberal, 2) non é xusto definir a Fratelli d’Italia como un partido neofascista, porque en realidade é un partido da “Nova Dereita”, como o é AfD en Alemaña, é dicir, partidos que, aínda que utilizan símbolos fascistas e nazis –os italianos fan a saudación romana e os alemáns, ás veces, usan a esvástica–, en realidade son partidos moi pragmáticos e apoian políticas, en ocasións, máis prudentes que as da chamada “esquerda” (véxase o caso do envío de tropas a Ucraína).

Pero algo está a cambiar en Italia, tamén grazas ás manifestacións contra a masacre de Gaza. Nos mozos hai unha nova vontade de loitar, pero non só nos mozos. Por exemplo, en 2024, ao sindicato CGIL inscribíronse máis de 450.000 persoas menores de 35 anos. As folgas son moi frecuentes, convertéronse nun fenómeno endémico, apoiadas tamén por moitos sindicatos de base autónomos. Nas eleccións municipais de Viena, os socialistas gañaron despois de que a extrema dereita non conseguise formar goberno. Nas eleccións de Berlín, Die Linke superou todas as previsións e resultou ser o primeiro partido, mesmo despois da vitoria de Merz nas eleccións.