Sementando o caos: A dinámica da crise global escala os conflitos xeopolíticos

Mónica Peralta Ramos - 07 Out 2022

En vésperas do inverno, o apagamento de enerxía sumirá amplos sectores da poboación na miseria enerxética e levará a economía alemá e europea á desindustrialización. Isto implica, entre outras cousas, que vai medrar a súa dependencia de importacións de gas e produtos norteamericanos

 A destrución do outro, as matanzas colectivas e a necesidade de explicar o inexplicábel caracterizaron a vida humana desde tempos inmemoriais. Así mesmo, deixaron unha pegada indeleble na literatura, a arte, as lendas, os mitos e as relixións das distintas culturas. Hoxe a humanidade dispón dun coñecemento acumulado e de ferramentas inéditas que lle permiten analizar e solucionar problemas cada vez máis complexos. Así e todo, nunca estivo tan preto da súa autodestrución e tan confundida. As turbulencias do presente e o modo en que son contadas sementan confusión, dividen as identidades e desencadean medo e odio cara ao outro. Unha espesa brétema de irracionalidade impide explicar o que ocorre e problematizar o futuro. O vórtice inmediato devén natural e a eternidade do momento coagula en indiferenza. No entanto, a dinámica da crise global intensifica os conflitos e deriva nun caos que obriga a cuestionar cara a onde imos.

A guerra nuclear

 A semana pasada, Vladimir Putin anunciou a realización dun referendo nos territorios de Ucraína ocupados por Rusia e a mobilización de 300.000 reservistas. Así mesmo, advertiu que Rusia rexeita a involucración da OTAN e do goberno norteamericano na “chantaxe nuclear” e nas operacións militares do exército de Ucraína[1] e advertiu que o seu goberno utilizará todo o armamento que ten se a integridade territorial de Rusia é atacada. Aínda que esta última advertencia reitera os principios da doutrina rusa sobre a guerra nuclear[2], adquire un novo significado no contexto dun enfrontamento explícito entre potencias nucleares.

 A mensaxe de Putin foi interpretada por algúns como un intento de disuadir (‘to deter’) e impedir que Occidente facilite a Ucraína armas sofisticadas[3]. Por outros, como un sinal “de sabedoría política”[4]. Para os máis altos funcionarios do goberno norteamericano, Rusia confronta agora unha derrota militar en Ucraína e ameaza co emprego de armas nucleares tácticas para saír da lameira. Se isto ocorre, Rusia “atopará unha resposta devastadora”[5]. Esta acusación non parece ter fundamentos. De ocorrer semellante circunstancia, Rusia sería vítima dos seus propios actos, pois os ventos que sopran na rexión espallarían a contaminación en todo o seu territorio. Máis aínda, tanto Rusia como cualificados expertos consideran que a índole do armamento nuclear moderno anula a posibilidade do seu uso táctico e derivará nunha escalada nuclear de consecuencias globais imposíbeis de prever. Por outra banda, en máis dunha ocasión Rusia deixou claro que estas acusacións constitúen “operacións de bandeira falsa”, que pretenden atribuírlle responsabilidade por accións militares que son planeadas polo goberno norteamericano, a OTAN e o exército de Ucraína.

 Así, e máis aló da guerra informativa, o conflito en Ucraína acurtou os tempos dun enfrontamento entre potencias nucleares e o mundo non pode ignoralo.

Cara á desindustrialización de Europa

 A voadura dos gasodutos Nord Stream 1 e 2 (NS1 e NS2), que atravesan o mar Báltico e levan gas ruso a Europa, cambiou a dinámica do conflito xeopolítico e impacta severamente sobre a economía e a estabilidade política de Europa.

 O gasoduto NS1 operaba ao 20% da súa capacidade e fora suspendido recentemente porque as sancións contra Rusia impedían concretar a súa reparación. O NS2 foi terminado a primeiros do ano pasado, mais nunca entrou en operacións debido ás presións exercidas polo goberno norteamericano sobre o goberno alemán para que o pechase e substituíse o abastecemento de gas ruso polo norteamericano, máis caro. Aínda que ninguén reivindicou estes actos de sabotaxe, hoxe sábese que pola súa magnitude e sofisticación só poderían ser realizados por un Estado operando nun mar Báltico fortemente controlado por países membros da OTAN.

 Moitos países, liderados polo goberno de Ucraína, adxudican a Rusia a responsabilidade do atentado. Con todo, esa sabotaxe destruíu a súa principal arma de negociación para concretar a fin da guerra con Occidente e o levantamento das sancións na súa contra. Rusia non necesitaba destruír o gasoduto para gañar poder de negociación: abondáballe con abrir ou pechar a chave de paso do gas, como o fixo até o de agora.

 O goberno norteamericano desmentiu a súa autoría. A pesar diso, existen indicios que o complican. Hai un tempo, o Presidente Joseph Biden anticipou que se Rusia invadía a Ucraína, “o NS2 deixará de existir. Poñerémoslle punto final”. Preguntado por unha xornalista sobre como sería isto posíbel, dado que o gasoduto estaba baixo control do goberno alemán, respondeu: “Prométolles que seremos quen de facelo”[6]. Case en paralelo, Vitoria Nuland, subsecretaria do Departamento de Estado e a cargo dos asuntos políticos internacionais[7], reiterou que “se Rusia invade a Ucraína, dun xeito ou outro, o NS2 deixará de existir”.

 O 17 de setembro pasado, nunha conferencia de prensa na Organización para a Cooperación de Shanghái (OCS), Putin negou a responsabilidade de Rusia na crise enerxética de Europa e aclarou que se esta quere importar gas ruso, terá que levantar as sancións impostas a Rusia. Así, “terá gas inmediatamente”. Case en paralelo, a CIA advertiu ao goberno alemán sobre a posibilidade de actos de sabotaxe contra os gasodutos NS1 e NS2[8]. Hoxe sábese que, pouco tempo antes do atentado, un forte continxente de barcos de guerra norteamericanos operou varios días a menos de 15 quilómetros da rexión onde ocorreu a sabotaxe[9].

 Este atentado impacta dun modo brutal sobre a economía alemá nun momento en que as súas reservas estratéxicas de gas só dan por uns meses e non hai no mundo capacidade de substituír no curto ou medio prazo ao gas ruso que non chegan. En vésperas do inverno, o apagamento de enerxía sumirá amplos sectores da poboación na miseria enerxética e levará a economía alemá e europea á desindustrialización. Isto implica, entre outras cousas, que vai medrar a súa dependencia de importacións de gas e produtos norteamericanos, á vez que colapsará os seus mercados de exportación. Esta situación tamén impactará sobre a economía europea e erosionará a credibilidade e estabilidade política dos gobernos do continente europeo.

 Curiosamente, o atentado ocorreu a días dunha masiva mobilización no nordés de Alemaña reclamando pola apertura do gasoduto NS2 e en vésperas do inicio dunha negociación entre Alemaña e Rusia que, mediada por Turquía e Arabia Saudita, busca “condicións novas” para poñer fin á guerra e ás sancións contra Rusia. Coincide, ademais, co chamamento de Hungría a concretar negociacións con Rusia e poñer fin ás sancións económicas e á crise enerxética antes do próximo mes de decembro e co crecemento de movementos nacionalistas en distintos países de Europa, que se presentan como alternativa as elites da Comunidade Europa aliadas co goberno norteamericano.

 Así, o atentado non só escalou ao conflito xeopolítico, senón que colocou toda a infraestrutura enerxética internacional en situación de extremo risco. Isto xa impacta sobre os prezos dos produtos enerxéticos e contribúe a prolongar por tempo indeterminado a crise enerxética e a conseguinte inflación internacional.

Erosión do sistema financeiro internacional

 O impacto da crise enerxética sobre as finanzas empeza a afectar a distintas instancias do mercado financeiro internacional. Ao aumentar as taxas de xuros para conter a inflación, a Reserva Federal norteamericana tamén detonou unha guerra de moedas que no inmediato fortalece o dólar. Porén, tamén crea condicións que ameazan o seu rol como moeda internacional de reserva.

 No que vai do ano, o valor do dólar creceu un 7% en relación co valor das moedas dos países do G7. Isto estimula a fuga de capitais destes países e a desvalorización das súas respectivas moedas, aumentando así o impacto da crise enerxética e da inflación internacional nestas economías. A conxunción destes fenómenos levou os bancos centrais dos principais países desenvolvidos a aumentaren as súas taxas de xuros para contrarrestar estes movementos. Isto ocorreu cunha sincronización non vista nos últimos 50 anos. Malia iso, non lograron frear a inflación nin a desvalorización das súas moedas. Esta situación coincide, como vimos con anterioridade, con intentos de capear a crise enerxética e estimular as economías recortando impostos e outorgando subsidios a empresas e aos sectores da poboación máis afectados pola suba dos prezos da enerxía. A conxunción destas políticas contraditorias derivou por estes días na implosión dos bonos da débeda británica: nunha semana, o seu rendemento a 10 anos pasou do 3,2% ao 4,4% e o valor da libra esterlina na súa relación co dólar, chegando ao momento máis baixo dos últimos 35 anos.

 Fronte a esta situación, o Banco Central de Inglaterra interveu nunha “operación limitada e transitoria” de compra de determinados activos co obxectivo de restituír a estabilidade financeira. O colapso dos prezos dos bonos da débeda pública obrigara a múltiples fondos de pensión a liquidar estes activos para enfrontar posicións a curto en operacións con derivados. A falta de liquidez profundou a espiral de venda de activos e levou o Banco de Inglaterra a intervir “comprando bonos da débeda pública polo tempo que sexa necesario coa amplitude e escala que se requira”[10] para salvar os fondos de pensións.

 A isto sumouse a necesidade de salvar o mercado inmobiliario dunha inminente catástrofe provocada polo aumento das taxas de xuros do Banco de Inglaterra: un 26% das hipotecas teñen hoxe taxas de xuros axustábeis no inmediato e un 37% destas, en dous anos. É dicir, máis da metade das hipotecas corren o risco de ser duramente afectadas pola suba das taxas de xuros[11].

 O fortalecemento do dólar tamén afectou o iuan chinés: este ostenta o seu valor máis baixo con relación ao dólar desde 1994. A resposta chinesa non tardou e o goberno ordenou aos bancos estatais que vendan unha proporción das súas reservas en letras do Tesouro norteamericano para comprar iuans. Dado o volume das Letras do Tesouro en mans do Banco de China, unha venda masiva pode afectar ao valor do dólar e intensificar a inestabilidade financeira xeneralizada, erosionando o seu rol como moeda internacional de reserva. A diferenza do ocorrido anos atrás, a venda de Letras do Tesouro inscríbese hoxe nun contexto global de disputa de soberanía nacional e de fortalecemento dun mundo multipolar á marxe da hexemonía do dólar. En paralelo, Rusia continúa intensificando a desdolarización das súas reservas e a súa substitución por iuans e moedas locais. Así mesmo, o Ministerio de Finanzas e o Banco Central de Rusia anunciaron esta semana un proxecto de lei que permite usar bitcoins e criptomoedas como medio de pagamento nas transaccións financeiras internacionais[12].

 Así, a medida que medra a inestabilidade financeira, visibilízase o rol do dólar como medio de sanción económica e política e intensifícase a procura de alternativas para se independizar deste.

Arxentina: cara a onde imos?

 Cada día que pasa aumenta a confusión política na Arxentina e o país aproxímase á beira do abismo. Os feitos falan contundentes: o proxecto de Orzamento 2023 propón con crueza un axuste que ten por obxectivo principal asegurar o pagamento dos xuros dunha débeda externa privada e pública que medra ao ritmo exponencial dos seus xuros. Por máis colleitas, produtos e recursos naturais que o país exporte, e por máis axuste do gasto social que se faga, esta débeda seguirá a medrar dun xeito insostíbel. O dólar soia, lonxe de ser unha panacea, serviu para pagar os xuros da débeda contraída co FMI. Ao mesmo tempo, multiplicou as ganancias especulativas e o poder político do grupello de empresarios que controla as exportacións.

 Agora, aproveitando as futuras exportacións de millo e trigo, irán por máis. Entrementres, e á calor dunha remarcación desenfreada, outro grupo de empresarios logrou impor aumentos de prezos superiores aos prezos das súas materias primas. Un caso notorio é o dos alimentos: aí existen fideicomisos e leis que deberían impedir estes “desaxustes” brutais. Con todo, reina a lei da selva.

 Os diálogos do ministro de Economía cos grandes empresarios “para que non fagan tolemias” consolidan esta remarcación salvaxe. O seu viceministro, mentres tanto, lava as mans e admite que as ganancias empresariais son dunha magnitude inédita, pero cre que o culpábel é o dólar. Milagreiramente, os sectores máis vulnerábeis esperan pacientemente o anuncio dun bono máxico, que non termina de concretarse. Os feitos contrastan co relato oficial e coas promesas electorais. En consecuencia, a credibilidade do goberno vai a pique.

 Este desenfreo de crueldade sementa a desesperanza e é caldo de cultivo para o relato odiador que impulsan os medios concentrados, a mafia enquistada no Poder Xudicial e as tribos macristas, que compiten entre si para ver cal é máis extrema e intolerante. Fronte a esta situación, a pasividade e a confusión da dirección política progresista e a desmobilización das bases representan un suicidio político que, lonxe de cultivar o diálogo, conduce á inestabilidade institucional. Este vieiro que percorremos consolida un modelo económico extractivo agroindustrial que concentra brutalmente os ingresos e o poder duns poucos e encadea o país ao dominio do dólar. Hoxe hai condicións únicas para demandar a nosa soberanía nacional no ámbito internacional, pero isto endexamais ocorrerá se non logramos poñer límites á salvaxe cobizia dos poucos que controlan o poder económico e político no país.

_____________________________________________________________________________

[1] Vladimir Putin en www.kremlin.ru, 21/09/2022.

[2] Anatoly Antonov, nationalinterest.org, 28/092022.

[3] Michael McFaul, ex embajador en Moscú, ap.com, 28/09/2022.

[4] Angela Merkel, ex canciller de Alemania, ap.com, 28/09/2022.

[5] Jake Sullivan, apnews.com, 25/09/2022.

[6] https://internetcloning.com/clip-of-biden-threatening-russian-gas-pipeline-resurfaces/.

[7] https://twitter.com/incontextmedia/status/1574879565511622656?ref_src=twsrc%5Etfw. Victoria Nuland tivo activa participación no golpe que en 2014 substituíu un goberno prorruso en Ucraína por outro pronorteamericano.

[8] zerohedge.com, 27/08/2022.

[9] https://twitter.com/Asymmetry2195/status/1575876483385475072/photo/1.

[10] zerohedge.com, 26, 28/09/2022.

[11] zerohedge.com 28/09/2022.

[12] zerohedge.com, 24/09/2022.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web arxentino El cohete a la luna, do 2 de outubro de 2022]