Seixo: "É lamentábel que Feijoo non teña manifestado claramente que a Xunta non autorizará a venda das centrais"
Con firmeza e determinación avanza o peche que o Comité de Ferroatlántica (no que tamén participan responsábeis sindicais da CIG) está a desenvolver no salón de plenos do Concello de Cee. E con firmeza e determinación traballadores/as e veciñanza acoden ás concentracións diarias diante da casa consistorial en rexeitamento á venda das centrais. Unha protesta á que hoxe tamén se sumou o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo.
"As nosas centrais non se venden" ou "os ríos son nosos e non de Villar Mir" foron dúas das consignas máis berradas na concentración. Unhas mensaxes dirixidas non só á empresa, senón tamén á Xunta de Galiza, pois o goberno galego ten nas súas mans paralizar esta operación especulativa. E así o lembrou o Secretario Xeral da CIG, quen cualificou que "lamentábel" que o Presidente Alberto Núñez Feijoo non se teña manifestado claramente contra a venda, nin teña atendido a solicitude de reunión presentada polo Comité.
"Paréceme unha actitude dun desprezo inadmisíbel, ante un problema desta envergadura e que ten graves consecuencias para a comarca", afirmou Seixo, mentres apuntaba aos 400 empregos en risco e á ameaza para a continuidade das fábricas, de consumarse a venda das centrais. "O normal sería que o Presidente tivera recibido ao Comité e que lle dera garantías de que non vai permitir a segregación", valorou.
A este respecto insistiu no feito de que a concesión administrativa para a explotación das centrais e os encoros está vinculada á que se manteña a unidade de produción eléctrica e de ferroaleacións e, polo tanto, "nese aspecto a Xunta ten capacidade para presionar a empresa".
Lembrou Seixo tamén que as pretensións do Grupo Villar Mir de segregar as actividades produtivas non son novas e xa nos anos 90 foi a mobilización dos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica da cidadanía da comarca quen paralizou a venda e conseguiu que a vinculación quedara recollida nas condicións para a concesión. "Agora toca seguir na loita", concluíu.