Seixo advirte que a mocidade se está a incorporar ao mercado laboral en peores condicións que a xeración anterior
Xesús Seixo lanzaba esta advertencia no marco da conferencia que o pasado venres tivo lugar na UdC para abordar a transcendencia da non ratificación da Carta Social Europea revisada por parte do Estado español e da que a CIG era unha das organizacións colaboradoras.
Na súa intervención, o Secretario Xeral da CIG avaliou o impacto sobre os dereitos socioeconomicos -mais tamén os civís-, que están a ter as medidas adoptadas polos diferentes gobernos españois – a instancias de institucións tan pouco democráticas como o BCE, o FMI ou a CE- dende o inicio da crise no ano 2008.
Seixo, alertou da progresiva perda de dereitos e o retroceso das condicións laborais que se agochan baixo unha batería de medidas tendentes a consolidar un modelo económico e social favorábel aos grandes grupos económicos, en detrimento da maioría social. Reformas en materia de contratación, xornada laboral, modificación substancial das condicións de traballo, prestacións por desemprego, pensións públicas ou negociación colectiva, “coa falsa xustificación de tratarse de medidas de carácter conxuntural e absolutamente necesarias para poder saír da crise”.
Para aplicar estas medidas recorreuse ao argumento de que a crise no estado español tiña moito que ver coas rixideces do mercado laboral “ou con estar a vivir por riba das nosas posibilidades, ocultando deliberadamente as verdadeiras razóns desta crise que transcenden á problemática do mercado laboral e gardan fundamentalmente relación cun modelo económico e financeiro altamente especulativo e concentrador da riqueza”.
Precarización do mercado laboral
Este conxunto de reformas está a provocar unha precarización xeneralizada do mercado laboral, que supera á contratación de carácter temporal e que afecta a todos os sectores da clase traballadora. Así, Seixo aseverou que nos atopamos ante un “verdadeiro atentado ao dereito do traballo”, na media en que este muda como dereito tuitivo e protector da parte máis débil das relacións laborais, a clase obreira, “para convertelo nunha ferramenta ao servizo da competitividade e do beneficio empresarial”.
Xunto a isto, dáse un retroceso do modelo social e produtivo europeo, cunha consecuencia inmediata: as novas xeracións de mozos e mozas incorpóranse ao mercado laboral en peores condicións salariais, laborais e de protección social, que a xeración anterior; e fano nun momento no que a sociedade ten máis capacidade para xerar riqueza.
A este respecto, denunciou os gravísimos ataques a unha ferramenta básica para a clase traballadora como é a negociación colectiva. As reformas nesta materia aprobadas polos gobernos do PSOE primeiro e do PP despois, implican debilitar esta instrumento, individualizar a atomizar a negociación e debilitar a clase traballadora mudando a correlación de forzas a favor da patronal.
Deste xeito, advertiu o Secretario Xeral da CIG, dificúltase, cando non se imposibilita, a capacidade de resposta das traballadoras e traballadores, á hora de evitar o recorte das condicións laborais que se están a dar na actualidade, mais tamén “á hora de loitar para melloralas no futuro”.
Seixo denunciou que estas medidas teñen vocación estrutural e non conxuntural como se pretende vender dende os gobernos, e que tampouco obedecen a razóns técnicas, senón que teñen un marcado carácter ideolóxico. “Teñen como principal obxectivo o de favorecer o incremento da marxe de beneficios do capital a conta de empobrecer a clase traballadora”, concluíu.