Segunda xornada de paros e mobilizacións para reclamar melloras laborais en Leche Río
Os traballadores e as traballadoras da planta de Leche Río no Polígono do Ceao (Lugo) continuaron este luns coa calendario de paros e mobilizacións para reclamar melloras nas condicións laborais, salariais e sociais. Esta empresa é das poucas grandes industrias lácteas que non conta cun acordo de melloras sobre as condicións estabelecidas no convenio colectivo estatal.
A decisión de convocar folgas parciais (que se desenvolven entre ás 12 e ás 16 horas) e concentracións diante da planta, tomouse despois de meses reclamándolle á empresa unha serie de melloras nas condicións laborais e en materia de conciliación que non foron atendidas. E iso malia a pretensión da dirección de implantar unha flexibilidade excesiva para que o persoal traballe en sábados e incluso domingos, a un custe inferior ao que tiña recoñecido até agora.
Neste senso, o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, denuncian que as condicións tanto en materia salarial como nos aspectos sociais que ten o persoal das factorías de Leche Río "están á cola doutras empresas do sector".
Ante a falta de movementos por parte da dirección, o persoal repetirá o paro e a concentración o luns da vindeira semana e non descarta intensificar as mobilizacións nos próximos meses.