Segunda xornada de folga na Inspección de Traballo para reclamar un reforzo de persoal urxente
Traballadoras e traballadores da Inspección de Traballo e Seguridade Social secundan este mércores a segunda xornada de folga para exixir a aplicación do acordo de medidas urxentes para reforzar os cadros de persoal, dotar o organismo dos medios técnicos e organizativos necesarios e mellorar as condicións laborais.
A representación sindical cualificou de "irresponsábel" a actitude do Ministerio de Traballo e do Ministerio de Facenda "que manteñen a súa actitude de bloqueo ao reforzo do organismo", abocando a "profundar nun conflito que pode ter severas consecuencias".
Denuncian que non hai vontade política por parte do Goberno español para fortalecer a ITSS e que "a pesar da disposición de todas as organizacións convocantes -CIG, CCOO, CSIF, SITSS, SISLASS, UXT, UPIT e USESS-, non existiu o máis mínimo xesto que permita supoñer o seu compromiso co acordo asinado en xullo de 2021 e a súa vontade de cumprilo".
Neste senso, a representación social advirte que cada día que pasa o conflito "faise máis profundo co perigo que iso conleva de que se vaia radicalizando e facendo máis difícil atopar solucións válidas".
Falta persoal de todas as categorías
Lembran que no conxunto do organismo hai pouco máis de 3.000 efectivos, un cadro de persoal totalmente insuficiente e que non medrou nos últimos 20 anos malia incrementárense as tarefas e encomendas ao organismo. Neste senso, o representante da CIG, José Juan Fernández, apunta que en toda Galiza hai 239 traballadoras e traballadores, pero cómpre aumentar polo menos un 40-50% máis o persoal "para estar nas ratios marcadas pola OIT, que estamos moi lonxe de cumprir". Esta falta de persoal dáse en todos os niveis: cargos intermedios, persoal informático, administrativo e inspector.
"As carencias son numerosas e cada día máis graves. A escaseza de persoal é patente, os medios cos que se conta sofren un deterioro innegábel, a estrutura está sen desenvolver e pon en cuestión unha correcta organización e coordinación, o recoñecemento do esforzo de quen traballa na Inspección é inexistente, non hai posibilidade de carreira profesional, non hai horizonte de mellora e nalgúns apartados atopámonos cos niveis retributivos máis baixos de toda a administración", asevérase nun comunicado conxunto.
Un 20% do orzamento sen executar
A representación sindical critica que non se poñan en marcha xa as medidas acordadas cando existía orzamento suficiente consignado e cando o 20% do orzamento do ano 2022 quedou sen executar. "Un Goberno que dilapida os créditos dispoñíbeis para reforzar este organismo tamén amosa escaso interese en reforzalo e en colocalo no nivel necesario para cumprir os compromisos que ten coa cidadanía".
Por iso, durante esta segunda xornada de folga, salientaron que xa está convocada un terceiro día de paro para febreiro, posto que o reiterado e incomprensíbel incumprimento "é o que nos leva a convocatoria de hoxe e seguiranos colocando en clave de conflito no futuro até que se superen todos os obstáculos".