Segunda fin de semana sen actividade nos estaleiros de Navantia
Esta pasada fin de semana, o estaleiro de Ferrol volveu quedar sen actividade ao non entrar a traballar o persoal. Esta medida enmárcase no conflito que o sector de siderometal da provincia da Coruña está a desenvolver en demanda dun convenio colectivo, motivo polo que as centrais sindicais -alén das xornadas de folga- acordaron instar as traballadoras e traballadores a non realizar horas extraordinarias mentres non haxa solución.
Ao igual que na fin de semana anterior, á porta do estaleiro despregouse o piquete informativo que, malia desenvolverse con total normalidade, estivo rodeado por un importante dispositivo policial. Non obstante, a acollida non puido se mellor "xa que ningún traballador ou traballadora acudiu facer horas extra".
A este respecto, CIG-Industria denuncia que algunhas auxiliares do naval, co beneplácito da empresa pública Navantia, están obrigando os seus traballadores/as a facer horas extraordinarias os sábados, domingos e festivos co obxectivo de recuperar as xornadas de folga en demanda dun convenio digno.
A isto hai hai que engadir a explotación á que están a ser sometidos moitos traballadores e traballadoras das industrias auxiliares que traballan na área de reparacións de Navantia, nomeadamente na plataforma Terranova II, a quen se lles esixe facer xornadas de 16 horas continuadas, con descansos de seis, e outras 16 horas de traballo.
O propio persoal tenlle relatado á CIG-Industria de Ferrol que se traballaban 26 días seguidos, en xornadas de 10 horas ou máis, e tendo que ser o propio traballador quen solicitase un par de días de descanso. Unha situación que xa foi denuncia pola central sindical na Inspección de Traballo.