"Seguiremos na mobilización contra os acordos transatlánticos até a súa retirada definitiva"
Aínda que o cumio UE-Canadá tivo que ser adiado, as presións e negociacións de última hora con Valonia posibilitaron que tan só unhas horas despois se anunciara a existencia dun consenso para desbloquear o veto da rexión valona, grazas á introdución de pequenos cambios no texto do acordo. Estas modificacións terán agora que pasar polos parlamentos das diferentes rexións belgas e recibir o visto bo do resto dos membros da UE. Trámites que atrasarán a sinatura pero que non supoñen en ningún caso deixar nun caixón o documento.
"Nin as reticencias de Valonia nin as manifestacións realizadas no seu día por día por dirixentes de estados da UE dando por rotas as negociacións do TTIP (o outro gran acordo que se negocia cos EEUU), supoñen a liquidación definitiva dos tratados. Pois as grandes compañías transnacionais van presionar para conseguir que definitivamente se asinen estes perversos acordos, tan favorábeis ao seus intereses", advertiu o Secretario Comarcal da Coruña, Xabier Filgueira, durante a protesta realizada esta tarde diante da Delegación do Goberno. "Por iso, a CIG seguirá mobilizándose para esixir a non ratificación e a súa retirada definitiva".
Ao servizo dos intereses das grandes corporacións
O interese por sacar adiante estes tratados é de tal magnitude que nin o Presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, nin a ministra de comercio de Canadá, Christia Freeland, puideron reprimir publicamente o seu enfado tras coñecer o veto valón. Porén, non cómpre perder de vista que antes da negativa da rexión belga, a Comisión propuxo a entrada en vigor provisional do tratado -trala súa aprobación no Consello de Europa e no Parlamento- e mentres se desenvolve o proceso de ratificación en cada un dos Estados membros.
Iso permitiría aplicar o CETA -nomeadamente as disposicións en materia de inversións- anos antes da súa ratificación definitiva e con independencia de que durante ese proceso un ou máis estados votaran contra do mesmo. "Entendemos que intentarán comezar a aplicar canto antes as disposicións do acordo. Por iso, dende a CIG seguiremos a informar das negativas consecuencias que os tratados teñen para Galiza e a mobilizarnos esixindo a non ratificación e a súa retirada", engadiu Filgueira.
Neste senso, apuntou que tras o interese e urxencia das institucións europeas e canadenses por aprobar o CETA, agóchase o TTIP, o acordo que a UE aínda está negociando cos Estados Unidos e que ten xerado un enorme rexeitamento social. De non lograr finalmente sacar adiante ese acordo, considérase que boa parte dos seus obxectivos poderíanse lograr mediante o CETA, xa que as grandes corporacións estadounidenses teñen filiais en Canadá a través das que "materializar" os seus intereses na UE. É por iso que se adoita cualificar ao CETA como "o cabalo de Troia".
Finalmente, Filgueira destacou que a asemblea parlamentaria de Valonia puidos facer uso da soberanía que lle outorga a constitución do estado belga para pór en xaque un acordo internacional que considera prexudicial para os intereses do seu pobo e obrigar a pactar cambios no texto. Circunstancia imposíbel na Galiza pola falta de autogoberno e competencias.