
Seguimento total no primeiro día de folga no servizo de fisioterapia do San Rafael contra a discriminación salarial

O persoal do servizo de Fisioterapia do Hospital San Rafael (un dos centros hospitalarios privados máis grandes da Coruña) está secundando este xoves o primeiro día de folga para reclamar que se remate coa discriminación salarial que sofren dende hai anos. Para darlle máis visibilidade á súa loita e explicarlle ás persoas usuarias do servizo os motivos da folga, as traballadoras concentráronse na entrada principal e desenvolveron un almorzo reivindicativo.

A decisión de ir á folga chega tras numerosos intentos de negociar coa dirección un acordo para corrixir esta discriminación que supón que este grupo de traballadoras (arredor de 14 persoas entre fisioterapeutas e TCAE) perciba salarios moi inferiores aos que teñen outros colectivos profesionais homologábeis dentro do hospital, pero moito mellor remunerados.
Karin Lenze, fisioterapeuta e membro do comité (CIG), explicou que as retribucións neste departamento (totalmente feminizado) están no soldo base, que teñen un plus conxelado dende hai 23 anos e outro incentivo sen actualizar dende hai 18 anos. Non obstante, a empresa négase a corrixir esta situación e incluso, coa convocatoria de folga xa enriba da mesa, rexeitou a unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais.

A representante do persoal destacou o éxito deste primeiro día da folga, xa só acudiu traballar a coordinadora do servizo. “Non nos gusta esta situación, pero a empresa non nos deixa outra saída para defender os nosos dereitos e conseguir unhas melloras salariais xustas”, subliñou.
Lenze lamentou a nula vontade da dirección para resolver o conflito, polo que xa avanzou que a folga continuará o días 10, 11, 21, 22 e 25 de abril e, no caso de non producírense avances, adquirirá carácter indefinido a partir do 5 de maio. “Estamos firmes e con ánimo de pelexar”, aseverou.