Seguimento total no inicio da segunda xeira de folga no servizo de recollida de lixo de Carballo
A primeira xornada da nova xeira de folga no servizo de recollida de lixo de Carballo tivo un seguimento total. O persoal da concesionaria, xestionada pola UTE integrada por Urbaser e Servizos Galegos de Lacería, agarda que a empresa “mova ficha” e mellore a oferta que puxo sobre a mesa a semana pasada. Unha proposta que provocou que as posicións das partes estean hoxe “máis afastadas que nunca”.
Segundo explica o secretario da Unión Local da CIG de Carballo, Martín Caamaño, na quenda de noite ningún traballador/a acudiu ao seu posto e esta mañá unicamente saíron os que están obrigados polos servizos mínimos.
O persoal está “decepcionado” polo resultado das dúas reunións celebradas a semana pasada nas que, lonxe de achegar a súa proposta ás demandas da parte social, a empresa anunciou a súa intención de “absorber a unha parte do persoal -atinxiría a uns cinco traballadores e traballadoras- un plus ad personam que “non é absorbible, nin compensable”, afirma Caamaño.
O secretario da Unión Local da CIG de Carballo lembra que existe xurisprudencia respecto desta cuestións e que son complementos persoais que o propio convenio en vigor blinda establecendo que “non poderá ser nin absorbible nin compensable”.
Caamaño afirma, ante isto, que a empresa “ten que respectar esa cláusula do convenio” e lamenta que, por mor desta proposta, “agora mesmo estamos moi lonxe de chegar a un acordo”.
Por iso agardan que a empresa mova ficha e faga unha nova proposta que contemple, para empezar, o mantemento dese complemento, incluíndo aspectos que permitan un achegamento ás pretensións do cadro de persoal. Do contrario, advirte, “non vai a haber máis que rematar continuar coa folga tal e como estaba prevista”.
Superar o SMI
O persoal demanda un incremento salarial que lles permita ter un salario digno. Para iso reclama a inclusión dunha cláusula que garanta que, durante toda a duración do convenio, os salarios de calquera traballador/a estean, como mínimo, por enriba do SMI. “Agora mesmo todos están no SMI, traballen en quenda de noite ou de mañá, sexan condutores ou peóns”, explica Caamaño. “O SMI comeuse a táboa salarial que tiña o anterior convenio”.
De aí que consideren “inviable” a proposta da empresa que tan só ofrece un incremento do 2% para 2024, pero sen atrasos e a partir da sinatura do convenio, que ademais pretende que teñan unha vixencia de 4 anos e o persoal demanda que non vaia máis alá de 3.
Complemento por IT
Xunto a isto reclaman un complemento por IT que agora non teñen nin por continxencias profesionais, nin por continxencias comúns. A este respecto o secretario da Unión Local da CIG de Carballo sinala que na última proposta a empresa fixo un achegamento, pero “segue sendo unha oferta insuficiente”.
A este respecto a demanda do persoal segue sendo que no convenio se inclúan complementos por continxencias comúns e por continxencias profesionais. Máis tendo en conta que “este é un sector no que as traballadoras e traballadores están expostos a situacións moi penosas, con frío, calor, chuvia e altos niveis de toxicidade, porque tamén están manipulando residuos biolóxicos, nalgúns casos”.
Con todo, Caamaño subliña que a diferenza das primeiras semanas de negociación, nas que xa rachara a mesa, agora as vías de comunicación seguen abertas. “Nós estamos á espera dunha nova proposta. Seguen as canles abertas agardando unha nova proposta por parte da empresa”.
A primeira quenda de folga foi entre os días 7 e 18 de xullo. Esta nova quenda vai desde as 22:30 horas deste domingo, día 11 de agosto, ás 15:00 horas do 22 de agosto e de non se producir avances substancias a partir do 8 de setembro será indefinida.