Seguimento total no inicio da folga indefinida na factoría de Leche Celta en Meira
Ao igual que viña acontecendo nas xornadas de paros e folgas previas, a totalidade do cadro de persoal de Leche Celta está secundando o primeiro día de folga indefinida nas instalacións de Meira para esixir melloras salariais e laborais que equiparen as súas condicións coas que xa teñen as compañeiras e compañeiros doutras factorías do grupo. Os traballadores e traballadores desenvolveron unha concentración na porta da fábrica entre as 12 e as 14 horas, na que tamén participaron o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño.
Durante a protesta o persoal recriminoulle á dirección a falta de vontade negociadora e o desinterese por atopar unha solución ao conflito, que pasa por acadar un convenio digno que remate coas diferentes condicións entre factorías. "Non temos novas da empresa, só sabemos que hoxe están negociando co persoal da planta de Santander", explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López.
Pola contra, critica, a empresa iniciou unha campaña de difamación contra os seus traballadores/as a todos os niveis (dende as e os produtores de leite até os membros da corporación municipal), asegurando que teñen salarios moi elevados e que están equiparados/as ao persoal de Pontedeume. "Nada máis lonxe da realidade", asevera López, lembrando que na reunión do pasado mércores -primeiro contacto coa dirección logo de estar 12 días "desaparecida"-, a empresa insistiu nunha proposta que perpetúa as diferenzas económicas na planta de Meira.
Aínda que nesa xuntanza, que se prolongou até ben avanzada a noite, se aclararon cuestións demandas polo comité, non se puido avanzar na consecución dun acordo de convenio, "porque a empresa esqueceu traer a carteira á mesa de negociación", non asumindo ningún incremento na proposta económica para 2018. O responsábel comarcal da FGAMT-CIG criticou tamén que a empresa non se quixo comprometer nin a levantar acta de reunión nin a formalizar a concreción da súa proposta de conxunto, "algo que xa non sorprende o persoal e pon de manifesto o nulo interese por superar este conflito".
Preocupación polas manobras da empresa
En todo caso, subliñou que a asemblea de traballadores/as instou o comité a seguir demandando unha oferta salarial para o ano 2018 que "non hipoteque o futuro do salario mediante o mantemento das diferenzas económicas con Pontedeume", e ao tempo, analizar posíbeis actuacións no marco da folga indefinida, tendo en conta a actitude "de total irresponsabilidade da empresa".
A este respecto, López Carmona denuncia as manobras de Leche Celta que parece apostar "pola especulación de peche da planta, na recollida de leite e na firme aposta en perder subministración a Mercadona. Unicamente nese contexto se pode entender que a empresa non afronte ningunha solución que, en termos económicos, probablemente non represente máis aló do terzo das perdas que se está autoinfrinxindo na venta do leite cru da súa propia recollida por baixo do seu prezo de compra".
Así as cousas, o persoal mantén a vontade firme de pelexar polos seus dereitos, continúa adiante coa folga indefinida e mañá volverase concentrar diante das factoría de Meira.