Seguimento total no 1º día de folga en DomusVi Ferrol por unhas condicións laborais e unha atención digna
As traballadoras da residencia DomusVi de Ferrol están secundando este venres a primeira das tres xornadas de folga para reclamar condicións de traballo dignas e un reforzo do persoal que garanta a calidade asistencial que se presta ás persoas usuarias. Para dar máis visibilidade á súa loita, coincidindo coas horas do paro parcial (de 10:30 a 12h), o persoal, acompañado por residentes e familiares, concentrouse diante do centro ferrolá.
Con esta folga, que rexistra un seguimento do 100% entre o persoal de atención directa e limpeza que non está en servizos mínimos e dun 50% entre o persoal técnico, as traballadoras queren denunciar a sobrecarga laboral insoportábel que teñen que asumir pola falta de persoal suficiente, as modificacións constantes de horarios que imposibilitan a conciliación, así como as actitudes ditatoriais e as faltas de respecto por parte da equipa directiva do centro.
De feito, mentres as traballadoras, acompañadas por usuarios/as e familiares, desenvolvía a concentración diante da residencia, "a directora, a supervisora e outro traballador estábanse rindo de nós dende unha fiestra". Unha actitude de burla, subliña a responsábel de residencias privadas da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández, que indignou profundamente ás traballadoras que están pelexando polos seus dereitos e por ofrecer a mellor atención ás persoas usuarias.
Fernández indicou que o vindeiro mércores día 26 está fixada unha reunión coa dirección para abordar as problemáticas do centro, pero "se teñen intención de vir con esta actitude, mellor que non veñan, porque non imos tolerar máis faltas de respecto".
Lembran que os problemas nesta residencia de DomusVi véñense arrastrando dende hai anos e á precarización laboral e asistencial hai que sumar o caos organizativo da propia residencia, exemplificado no feito de que en seis meses tivo dúas directoras. "Este centro é pioneiro en recortar dereitos ás súas traballadoras: recoñecemento da categoría profesional, denegación de permisos retribuídos, reclamación das antigüidades de parte do persoal, e un sen fin de condutas que contribúen ao padecemento dunhas condicións nefastas", alerta Fernández.
Pon o acento no alarmante déficit de persoal que obriga "a que teñamos que asumir unha carga de traballo brutal e un nivel de estrés, non só físico, senón tamén psicolóxico inaceptábel" que loxicamente repercute na atención ás persoas usuarias. "Nunca tan mal se atendeu ás e aos residentes como agora, de feito xa hai denuncias por parte das familias por esta situación", asevera.
A esta precarización, engade, contribúe tamén a actitude despótica da coordinadora, "que non ten nin idea do que é o traballo nunha residencia, que non coñece as persoas usuarias, que pensa que estamos nunha fábrica amontoando caixas, que carece de empatía e que profire continuadas faltas de respecto ás traballadoras".
Unha situación "coñecida e amparada pola dirección que, nun tempo récord de mes e medio, foi quen de conseguir que o comité de empresa convocada a primeira folga neste centro". Por todo isto, durante a concentración deste venres as traballadoras tamén reclamaron a destitución da coordinadora.
Pero ademais, a CIG insta a Xunta de Galiza a realizar as funcións inspectoras que lle son propias e que lle exixa a DomusVi que cumpra coas ratios de persoal para garantir tanto as condicións laborais como unha atención digna, "e non consinta nestas prácticas vergoñentas que mercantilizan e converten os coidados das persoas maiores nun privilexio".