Seguimento total nas primeiras xornadas de folga indefinida en Vitrasa
A folga indefinida que comezou este sábado 25 de novembro na concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo está a rexistrar un seguimento total por parte do persoal de condución, de xeito que operan unicamente os servizos mínimos. O comité de empresa de Vitrasa decidiu facer efectiva a convocatoria tras a “vergoñenta” actuación da compañía na mediación do AGA que tivo lugar o pasado venres.
Os traballadores/as a empresa de transporte comezaron hoxe tamén coas mobilizacións na cidade para visibilizar o conflito, xa que durante a fin de semana unicamente se concentraron diante das instalacións da empresa. Deste xeito esta mañá acudiron ao pleno municipal, no que amosaron o seu descontento polo xeito de actuar da dirección e instaron os responsábeis municipais a obrigar a compañía a achegar propostas e non unicamente un calendario de xuntanzas “baleiro de contido”.
A representación do cadro de persoal considera “un total despropósito” o acontecido o pasado venres na mediación do AGA, xa que a empresa non fixo nin unha soa mostra de achegamento á parte social a pesar de ter sido a promotora da mediación. “Esta actitude transmite unicamente o pasotismo, a desvergoña e a falta de respecto de Vitrasa cara aos seus traballadores/as, a autoridade laboral e a cidade de Vigo, incluíndo ao seu alcalde, que fai só un par de días esixía unha negociación inmediata e sen pausa ata alcanzar un acordo tras anunciar que reequilibraría as contas da empresa”.
O comité entende que unha mediación debera supoñer un acto de boa fe, pero Vitrasa demostrou todo o contrario. “Con esta actuación a empresa condenou a cidade de Vigo a sufrir unha folga indefinida nun momento do ano no que a circulación polas súas rúas vólvese moi complicada”.
Mobilizacións durante toda a semana
Por iso reiteran que o Concello ten que proceder a retirarlle a concesión a unha empresa “que volve demostrar unha vez máis que a súa única intención é apoderarse do diñeiro público sen pretender realizar ningunha mellora no servizo”. E esíxenlle ao alcalde de Vigo unha actuación “contundente e inmediata” contra a compañía, “xa que pola contra estará a demostrar que existe unha complicidade entre a dirección e a Alcaldía”.
Con este obxectivo, nos vindeiros días continuarán coas mobilizacións diante do consistorio, como a que desenvolveron hoxe de 9:30 a 11:00 horas tras abandonar o pleno municipal. Para esta semana teñen previsto tamén concentrarse ás portas da empresa de 5:00 a 8:30 horas para a continuación saír en manifestación até o Concello, onde permanecerán de 10:00 a 11:00 horas. Mentres que o venres percorrerán as rúas do centro entre a Praza dos Cabalos até o cruce de Colón a partir das 19:00 horas.