Seguimento total na primeira xornada de folga na recollida do lixo do Concello de Valdoviño
Os traballadores e traballadoras do servizo de recollida de lixo do Concello de Valdoviño, concesionado á empresa FCC Medio Ambiente, están desenvolvendo este venres a primeira das catro xornadas de folga convocadas en defensa do seus dereitos laborais. Con tal motivo, o persoal realizou unha concentración diante da Casa do Concello para reclamar tamén do Goberno local que asuma a súa responsabilidade e obrigue a concesionaria a cumprir cos pregos e coa lexislación laboral.
A convocatoria de folga, explica Beatriz Fernández, da CIG-Servizos de Ferrol, "non é outro que as continuas irregularidades que a empresa está a cometer, tanto a nivel laboral como social, que non fai máis que afundir na precariedade ao persoal".
Lembra que FCC leva incumprindo os pregos de condicións desde que se fixo coa concesión do servizo, vulnerando así os dereitos dos traballadores e traballadoras. Diante disto, a CIG reclámalle á empresa que respecte os acordos, mais tamén apunta á responsabilidade do Concello neste conflito, ao permitir que FCC incumpra cos pregos e sendo o Goberno local coñecedor do deficitario servizo que se está a prestar á veciñanza de Valdoviño.
Neste senso, Fernández subliña que a recollida de lixo se fai con seis traballadores/as e dous vehículos de 30 anos "que están avariados a maior parte do tempo. Nestas condicións non se pode garantir un servizo axeitado".
Xunto a isto, Beatriz Fernández xa avanzou que se vai presentar denuncia na Inspección de Traballo conta a empresa por esquirolaxe, xa que uns días antes do inicio da folga, procedeu a contratar a dúas persoas que foron as únicos que hoxe entraron traballar. Aínda que a empresa alega que estas contratacións extraordinarias son para reforzar o servizo, "a realidade é que en 14 anos nunca se fixeron reforzos, e iso malia que a representación social solicitou en numerosas ocasións un incremento do persoal".
A CIG-Servizos denuncia as prácticas mafiosas da empresa e advírtelle que non vai tolerar ningunha chantaxe nin acoso o persoal da empresa polo feito de querer exercer o seu dereito fundamental á folga.
As xornadas de folga continuarán durante este sábado 9, o domingo 10 e o luns 11 de xullo.