Seguimento total na primeira xornada de folga indefinida no almacén loxístico de Lidl en Narón
Os traballadores e traballadoras do almacén loxístico que Lidl Supermercados ten en Narón comezaron este martes unha folga indefinida para exixirlle á empresa que cumpra co convenio colectivo, reforce o cadro de persoal e mellore as condicións laborais. A folga afecta ás preto de 150 persoas que traballan nas instalacións nas distintas quendas e está tendo un seguimento do 100%, xa que só acudiu traballar o persoal eventual para quen a empresa dispuxo, de maneira extraordinaria, un servizo de autobús.
A folga, convocada pola CIG, chega en resposta aos reiterados incumprimentos do convenio colectivo de Lidl Supermercados por parte da dirección da empresa. O comité leva catro anos denunciando na Inspección de Traballo os múltiples incumprimentos e tentando negociar coa empresa un acordo que mellore as condicións laborais, mais sen éxito ningún. En todo este tempo, denuncia Cristina Martínez Padín, da CIG-Servizos de Ferrol, "a empresa non fixo nada por corrixir as irregularidades".
Neste senso, explica que o máis grave é o exceso continuado de xornada que está a facer o persoal indefinido con contrato a tempo completo, posto que supera as 80 horas extraordinarias ao ano que estabelece como máximo o Estatuto das persoas traballadoras. "O que precisa con urxencia o almacén é máis persoal, porque os traballadores e traballadoras están sobrecargadas. Isto provócalles estrés e esgotamento físico e que ao final acaben caendo de baixa".
A empresa condiciona a negociación á desconvocatoria da folga
Malia os intentos do comité de negociar medidas coa empresa, foi imposíbel un achegamento. De feito, critica Martínez Padín, a dirección só reaccionou despois que a asemblea de persoal acordara convocar a folga, manifestando entón a súa pretensión de acudir a un AGA. A reunión da mediación tivo lugar este luns, pero Lidl condicionou a negociación e a posibilidade de presentar propostas a que a parte social deixara sen efecto a folga até o venres.
Pero o persoal non se fía da empresa e acordou continuar adiante co paro indefinido, instando a dirección a trasladar unha proposta seria sobre a que poder negociar. A este respecto, a representante da CIG-Servizos reitera que a solución ao conflito pasa por reforzar o cadro de persoal e ampliarlle a xornada a aqueles traballadores e traballadoras que están a tempo parcial e ao persoal eventual, para poder atender así o volume de traballo e evitar a sobrecarga laboral.
Suprimir dereitos adquiridos
Ademais con esta folga tamén se quere dar resposta as pretensións da empresa de eliminar os dereitos do persoal. Cómpre indicar que até 2016, o almacén loxístico rexíase polo convenio provincial de comercio de alimentación, mais nese ano Lidl comezou a aplicar o seu convenio propio, comprometéndose a manter os dereitos adquiridos. Entre outros, que se considere como tempo efectivo de traballo os 20 minutos de descanso.
Porén, apunta Martínez Padín, hai unhas semanas, Lidl comunicoulle a todo o persoal con contrato anterior a 2016 que este tempo de descanso deixaba de computar como xornada traballada, obrigando a recuperar este tempo ou pretendendo rebaixarlle o contrato de 40 a 37h/semanais a quen se negue.
Así as cousas, os traballadores e as traballadoras están fartas de que se ataquen os seus dereitos e dos abusos laborais, e continuarán adiante coa folga indefinida até que a empresa poña solucións aceptábeis enriba da mesa.