Seguimento total na folga parcial das traballadoras do SAF de Valdoviño para exixir que se cumpra co convenio
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Valdoviño secundaron este venres unha folga parcial de 11:00 a 13:00 horas para reclamarlle á empresa concesionaria, Atendo Calidade, que cumpra co convenio colectivo no relativo á xornada de traballo e ás percepcións económicas e reclamarlle á administración que proceda á actualizacion do contrato como estabelecen os pregos.
Para visibilizar as súas reivindicacións, as traballadoras concentráronse dende ás 11:30 horas diante da Casa do Concello baixo o lema "SAF Valdoviño, pagade o que debedes, cumpride o convenio".
A raíz da convocatoria da folga, que foi un éxito, conseguiuse que o Concello aprobara a actualización do contrato do servizo, tal e como se recolle nos propios pregos de condicións, que as traballadoras viñan reivindicando dende hai meses. A esta falta de actualización económica aferrábase a empresa á súa vez para non aplicar a suba salarial conforme ao IPC que estabelece o convenio galego de Axuda no Fogar.
"Falta agora que a concesionaria, Atendo Calidade, cumpra co acordado no AGA, onde se comprometeu a proceder ao incremento dos salarios e a abonar os atrasos xerados dende xaneiro deste ano, no momento no que o Concello efectivizara esta actualización do contrato", explica Francisco Cartelle, secretario comarcal da CIG-Servizos de Ferrol.
Ademais da suba dos soldos, Cartelle sinala que a empresa non está a liquidar correctamente a bolsa de horas trimestral do persoal, nin se están a computar debidamente as horas realizadas, nin a retribuír nas contías debidas. Tampouco actualizou a contía da quilometraxe, "extremo este que debido á suba dos carburantes está a ser unha cuestión tremendamente lesiva para as traballadoras".
Por iso, xa avanzou que no caso da empresa non cumprir co marcado no convenio colectivo, as mobilizacións continuarán adiante.