Seguimento total na folga do persoal de prevención, bombeiro e de emerxencias sanitarias de Navantia

O paro afecta aos/ás traballadoras de Quirón Prevención e Servicios Sanitarios del Cantábrico que desenvolve o seu labor dentro dos estaleiros
Ferrol - 27 Mar 2025

O persoal de Quirón Prevención e da súa subcontrata Servicios Sanitarios del Cantábrico (do sector do transporte en ambulancia) está secundando este xoves unha xornada de folga para reclamarlle a ambas empresas que apliquen xa o “plus do naval” ao persoal que traballa dentro dos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e que se implementen melloras laborais.

A folga comezou ás 22:00 horas de onte, mércores, e rematará ás 22:00 deste xoves. Ademais de non producírense avances significativos nas reunións previstas coa empresa, os paros repetiranse nas vindeiras semanas. A folga está sendo un éxito xa que só entrou traballar o persoal nomeado en servizos mínimos.

Os colectivos afectados pola folga son o persoal bombeiro, sanitario e técnico de Quirón Prevención e o persoal de ambulancias de Servicios Sanitarios del Cantábrico que desenvolven o seu traballo dentro do estaleiro.

Con esta folga, o persoal demanda que se lle aplique o convenio provincial do metal ao persoal técnico de prevención e do sector sanitario de Quirón Prevención, e a equiparación salarial para o persoal técnico de emerxencias sanitarias para que perciban o chamado “plus do naval”.

Xunto a isto, pídese rematar coas discriminacións laborais que padece o persoal bombeiro con contrato fixos-discontinuo e que se entreguen con suficiente antelación os calendarios laborais “que se dan a coñecer a golpe de venres”. Outra das demanda refírese á entrega dos equipos de protección individual “de forma regulamentaria e acordada co comité”.

O próximo luns iniciarase un calendario de reunións con todas a partes implicadas (Navantia, Quirón, comité, comisión auxiliares e sindicatos) para tentar avanzar nun acordo.  En función de como resulte a xuntanza avaliarase en asemblea as seguintes mobilizacións a realizar.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.