Seguimento total na folga do almacén de Lidl en Narón para esixir melloras nas condicións de traballo
Os arredor de 150 traballadores e as traballadora do almacén loxístico que Lidl ten en Narón están secundando este mércores a primeira das xornadas de folga convocadas para esixir melloras nas súas condicións laborais. O seguimento do paro, que se iniciou ás 00h e se estenderá até ás 24h deste xoves, é total, polo que a actividade dentro das instalacións está paralizada.
A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Ferrol, Cristina Martínez Padín, explica que a convocatoria de folga chega tras o "convenio ponte" que asinaron en Madrid a empresa e CCOO e UGT "que non responde para nada ás demandas do persoal", xa que só contempla unha cativa suba dos salarios pero ningunha mellor social. Neste senso, lembra que hai catro anos Lidl promoveu a negociación dun convenio estatal propio para saírse do convenio provincial, ao que a CIG se opuxo "por consideralo prexudicial e ser o paradigma da centralización da negociación colectiva realizada por cúpulas e afastada dos intereses reais do persoal".
No mes de xaneiro, a empresa asinou novamente con CCOO e UGT un "convenio ponte" para os anos 2021 e 2022 que "consolida a perda de dereitos do conxunto dos traballadores e traballadoras e non atende as demandas sociais". O persoal trasladoulle á CIG o seu profundo descontento con este acordo, acordándose a convocatoria de tres xornadas de folga para os días 9, 10 e 11 de febreiro.
Lidl négase a negociar
Tras recibir comunicación da folga, a empresa solicitou mediación no AGA, fixándose reunión entre patronal e representación sindical para o luns desta semana. Diante disto acordouse adiar o inicio da folga ao mércores á espera do que dera de si a xuntanza.
"Trasladámoslle á empresa a nosa disposición a negociar unha mellora nas condicións de traballo, pero Lidl limitouse a dicir que xa hai un acordo estatal e non se moveu de aí, polo que seguimos adiante coa folga", apunta Martínez Padín.
Deste xeito, dende ás doce da noite deste mércores un piquete informativo rotatorio permanece ás portas do almacén do polígono do Río do Pozo. A folga rexistra un seguimento total, malia as manobras da empresa e as presións ao persoal, especialmente o eventual, para que non secundaran o paro. Este éxito dá boa conta da disposición dos 150 traballadores e traballadoras do almacén, o único que a multinacional ten en Galiza, a pelexar por conseguir unhas condicións sociolaborais dignas.