Seguimento total na 1ª xornada de folga en H&M de Lugo en demanda de melloras salariais e laborais
A folga na tenda H&M do centro comercial das Termas arrancou este luns cun seguimento de practicamente o 100% das traballadoras, de xeito que na quenda da mañá o estabelecemento abriu con mandos intermedios, mentres que pola tarde tivo que pechar as súas portas por non ter persoal para facer a atención. A folga continuará nas xornadas do 4, 5, 6 e 8 de abril, e as traballadoras acordaron realizar tamén concentracións todos os días ás 12:00 horas para dar máis visibilidade á súa loita.
Cómpre lembrar que o persoal de Hennes & Mauritz (H&M) réxese polo convenio colectivo de comercio téxtil de Lugo, que está caducado dende finais de 2015 e polo tanto os salarios e as condicións están sen actualizar dende ese ano. A central nacionalista (minoritaria no sector na provincia) leva anos reclamándolle á patronal e a CCOO e UGT que desbloqueen a negociación colectiva, mais sen obter resposta.
Á vista da nula vontade das partes para negociar un novo convenio que permita recuperar o poder adquisitivo perdido e actualizar as condicións sociolaborais, a CIG instou a H&M a negociar un acordo de melloras salariais e laborais para as traballadoras da tenda de Lugo. Porén, a empresa negouse a asumir ningunha das demandas sociais, referidas a cuestións tan básicas como aumentar o tempo para xantar, melloras as licencias ou incorporar un complemento salarial.
Esta postura intransixente choca co feito de ser a tenda de Lugo unha das que mellores resultados obtén no Estado español e sempre aparece entre as primeiras en rendibilidade nas clasificacións internas que elabora a compañía sueca. Neste senso, Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, critica que dende a formalización da convocatoria, a empresa non fixo ningún intento de resolver o conflito, nin mantivo contacto coas traballadoras para retomar as negociacións.
Castiñeira subliña que a tenda das Termas se sostén con moi pouco persoal, xa que unha parte das traballadoras marchou no ERE que a multinacional aplicou en 2021. "Dende entón, nesta tenda quedaron 18 traballadoras que teñen que atender unha carga de traballo brutal que non é compensada economicamente pola empresa", denuncia.
Castiñeira apunta ás condicións cativas recollidas no convenio do comercio téxtil, moi inferiores ás que teñen noutras provincias de Galiza. Por iso insta a H&M a abandonar a súa postura intransixente e sentar a negociar un acordo que dignifique as condicións salariais e sociais das súas traballadoras.