Seguimento total da folga en Women' Secret en demanda dunhas condicións laborais dignas

As tendas da provincia da Coruña permanecen pechadas e as traballadoras concentráronse en Compostela para visibilizar a súa loita
Compostela - 24 Xul 2024

O 100% das traballadoras de Women' Secret na provincia da Coruña están secundando a folga convocada para este mércores (a terceira en menos dun mes) para demandarlle ao grupo Tendam que reforce de inmediato os cadros de persoal e os dote de estabilidade. O éxito do paro fai que as cinco tendas afectadas estean pechadas e para darlle máis visibilidade a súa xusta loita, as compañeiras concentráronse este mediodía diante do comercio que a compañía ten nas inmediacións da Praza de Galiza, en Santiago de Compostela.

Este é o terceiro día de folga que secundan as traballadoras e a decisión de continuar cos paros adoptouse despois da falta de avances na última reunión coa empresa, que tivo lugar esta mesma semana. Do total de horas que se reclaman de maneira urxente para catro das seis tendas que a marca ten na provincia, o comité denuncia que a empresa se limitou a ofertar unha suba ridícula "que para nada responde ás necesidades" e que "está moi por debaixo do que pedimos".

O comité (CIG, UGT e Fetico) critica que Tendam pretendeu vender como unha mellora a consolidación de horas á que xa lle obrigou a Inspección de Traballo, pero no relativo ás demandas de cada un dos establecementos "só propuxo un incremento de 12 a 14 horas nos contratos e só para dúas das catro tendas". Na provincia da Coruña, Women' Secret conta con seis tendas: dúas en Santiago, dúas na Coruña, unha en Ferrol e outra en Ribeira, aínda que esta última ten unhas condicións particulares e fica fóra das mobilizacións.

A representación do persoal denuncia a instransixencia do grupo téxtil, sobre todo tendo en conta que "xa deixamos a un lado o resto de demandas (como as melloras salariais ou as licencias) para centrarnos no tema da contratación, porque é un problema gravísimo o que está pasando nas tendas", aseveran.

A este respecto, explican que dentro do grupo as compañeiras de Women' Secret son as que, con diferenza, teñen peores condicións ao punto de que é a unica cadea na que se decide mes a mes o número de horas que vai facer cada traballadora. "Pedimos cadros de persoal estábeis durante todo o ano e que non se fagan anexos (ampliacións/diminucións das horas dos contrato) cada mes. Hai compañeiras que ao cabo do ano suman até 30 anexos diferentes", destacan.

Este modelo de contratación precaria implica, por unha banda, que nunca haxa persoal suficiente nas tendas para atender o enorme volume de traballo, e doutra, que as traballadoras vivan na permanence incerteza de non saber sequera canto van cobrar cada mes, que non poidan facer os descansos dentro da súa xornada, conciliar a súa vida familiar e laboral, e que sufran uns niveis de estrés intolerábeis que repercuten na súa saúde.

Por iso, diante da negativa da empresa a atender as xustas demandas, o comité acordou manter co calendario de folgas previsto e, ademais do paro deste mércores, haberá folga e mobilizacións o primeiro sábado de cada mes e en datas de especial relevancia comercial como o Black Friday.