Seguimento total dos paros no almacén de Zara Loxística en defensa dos dereitos e carga de traballo estábel
Despois da multitudinaria manifestación deste domingo, os traballadores e as traballadoras de Zara Loxística están secundando este luns paros de media xornada por cada quenda laboral en defensa dos seus dereitos e para reclamarlle a Inditex carga de traballo estábel no almacén. Os paros tiveron un seguimento de practicamente o 100% do persoal na quenda de noite a na da maña.
Ademais, para dar máis visibilidade á súa loita, o persoal concentrouse a media mañá nas instalacións de Sabón e pendurou no peche do almacén cartaces reivindicativos reclamando carga de traballo, respecto aos calendarios laborais pactados e chamando á mobilización na defensa dos dereitos.
Na xornada deste martes, os paros parciais repetiranse no mesmo formato e dende o comité xa avanzaron que as protestas continuarán até que Inditex sente negociar, rectifique a modificación unilateral dos calendarios e garanta carga de traballo estábel para o almacén de Sabón.
A este respecto, Roberto Pérez, delegado da CIG no comité e secretario da CIG-Servizos da Coruña, lembra que hai 20 anos o persoal tivo que loitar para conseguir unhas condicións laborais dignas e acadar uns calendarios que a empresa, de maneira unilateral e sen motivo, agora incumpre.
Advirte do perigoso desta deriva de Inditex, pois este ataque aos dereitos laborais hai que enmarcalo no abandono progresivo do almacén loxístico de Arteixo en beneficio doutras plataformas ás que a multinacional está derivando actividade e nas que está facendo investimentos millonarios, mentres as instalacións de Sabón levan meses arrastrando unha alarmante falta de carga de traballo.
Por iso, insta a continuar na mobilización até que Inditex sente negociar, cumpra cos acordos laborais e garanta o futuro do almacén loxístico.