Seguimento total da folga na central das Pontes en demanda "dun futuro con emprego e industria"
A xornada de folga convocada na central térmica de Endesa para esixir garantías de emprego, unha transición enerxética xusta e futuro industrial para a comarca, rexistra un seguimento total tanto entre o persoal da principal como nas industrias auxiliares. Dende ás cinco da madrugada os piquetes informativos dispúñanse nos distintos accesos ás instalacións a onde este martes só entraron traballar os servizos mínimos.
A folga estivo acompañada dunha manifestación polo centro da vila das Pontes na que participaron traballadores e traballadoras, persoal xubilado, transportistas e centos de veciños e veciñas que quixeron sumarse á demanda "dun futuro con emprego e industria". Durante o tempo que durou á manifestación o comercio e a hostalería local, como vén sendo habitual, mantiveron pechadas as súas portas.
Sobre os motivos da folga, Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, apuntaba como primeira razón o rexeitamento á solicitude formal de peche cursada por Endesa ante o Ministerio, antes de esgotar todas as avaliacións con combustíbeis diferentes ao carbón. "Entendemos que esta decisión manifesta ás claras que Endesa non ten intención de explorar outras alternativas. Non se lle pode permitir a Endesa que faga o que quere e cando quere", denunciaba.
En segundo lugar, co paro quérese esixir á eléctrica que cumpra coas garantías de emprego na industria auxiliar, pois xa houbo un despedimento e quedaron sen executar outros ceses logo do anuncio de mobilizacións. Neste momento, lembrou, só existe un compromiso de manter emprego nas contratas durante o primeiro trimestre e Endesa deu garantía de emprego ao seu cadro de persoal, "pero non de mantemento do posto de traballo".
Necesidade de constituír a mesa de traballo
Neste contexto, Amado reclamou a constitución inmediata da mesa de transición enerxética con representación da empresa, o Ministerio, a Xunta, o Concello, as organizacións sindicais e outros axentes sociais, na que abordar o resultado das probas, os proxectos alternativos de xeración de emprego que minimicen o impacto socioeconómico do peche da central e na que arrincar compromisos concretos por parte das Administracións e de Endesa.
Unha mesa, engade Amado, imprescindíbel "tendo en conta que aquí todo o mundo asume que, no mellor dos escenarios, de continuar a actividade na central sería só con dous grupos. E na que, ante a previsión dun peche total, poder ir avanzando e traballando nos proxectos para garantir o emprego e dar alternativas económicas".
Nesta liña, lembrou que a día de hoxe a representación social non ten coñecemento formal do proxecto de xeración de enerxía eólica proposto por Endesa na solicitude de peche, na que tamén formula que os terreos ociosos poidan ser utilizados por asentar outro tipo de industrias que permitan diversificar o tecido produtivo. "O marco para avaliar esa proposta é a mesa de transición. Mais entendemos que o que formula Endesa é insuficiente e ten que ir ligado a un proxecto industrial que xenere emprego non só en montaxe"
Amado salientou que neste proceso a Xunta ten un papel relevante, posto que dispondo das competencias en materia de industria "non as está a usar. O Goberno galego ten que deixarse de facer campaña electoral e facer propostas concretas", aseverou. No mesmo sentido criticou manifestouse o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen acusou ao Goberno de Feixoo de desentenderse dos problemas dos galegos e das galegas, de non exercer as súas competencias "e de parecer máis preocupado por salvar os intereses de Endesa e Naturgy que por defender o futuro dos empregos e das comarcas".
Incluír Galiza na estratexia de transición
Carril subliñou o feito de que a folga coincide coa primeira reunión do novo Consello de Ministras e Ministros e apelou "á obriga" do Goberno español de levar adiante "todas as medidas necesarias para termos unha transición xusta", especialmente tendo en conta as mobilizacións que se levan facendo nas Pontes e Meirama e que canto máis correo o tempo "máis na incerteza e sen futuro se sume a estes territorios".
O secretario xeral instou á constitución inmediata "das mesas nas que abordar un calendario que permita facer fronte a esta situación, na liña do que dende a CIG vimos reivindicando e que xa trasladamos á UE, e que tamén figura no acordo de investidura do BNG e PSOE". Así, reivindicou que Galiza sexa incluída no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-2021, que se asinen convenios similares aos pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León e que o noso país tamén participe dos plans e axudas que se destinen a nivel europeo aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.